Quizá non fora o pleno máis tranquilo que se lembra nos últimos tempos, pero as discrepancias políticas quedaron ao carón para despedir a unha das concelleiras que máis tempo levaba formando parte da corporación municipal, a nacionalista Carme da Silva.
Da Silva, que entrou na corporación en 1995, renunciou de maneira efectiva á súa acta de edil para centrarse no seu traballo como senadora, unha responsabilidade que, segundo dixo, require "moito esforzo e dedicación" para "representar ben" os intereses de Pontevedra e de Galicia.
"Foi unha honra formar parte da corporación e do goberno municipal", subliñou a xa ex concelleira do BNG, que agradeceu a confianza depositada nela polo alcalde e polos seus compañeiros para "participar neste traballo de transformación de Pontevedra".
Durante toda a súa etapa municipal, asegurou Carme da Silva, "aprendín moitísimo", unha aprendizaxe que "levo comigo a onde vou". Agradeceu ademais a colaboración que sempre lle brindaron todas as persoas "coas que tiven ou pracer de traballar".
Visiblemente emocionada, Da Silva quixo pedirlles aos seus compañeiros de corporación que "aproveiten a oportunidade" que lles deron os cidadáns para representar os seus intereses porque "ás veces non somos plenamente conscientes da honra que significa".
"Eu durante todos estes anos procurei estar á altura", sentenciou, asegurando que "nos seguiremos vendo polas prazas, rúas e lugares nos que coincidiremos en Pontevedra".
A OPOSICIÓN COINCIDE EN QUE O CONCELLO "PERDE COA SÚA MARCHA"
Tras o seu discurso de despedida, o socialista Iván Puentes e o popular Rafa Domínguez han coincido en sinalar que o Concello "perde coa súa marcha" e desexáronlle sorte na súa nova etapa no Senado.
Iván Puentes, que recoñeceu que "temos discutido e discrepado moito", destacou a "intelixencia e habilidade" da súa compañeira de corporación, unha altura política e intelectual "que se agradece moito" e, sobre todo, o seu sentido do humor.
"Vou botar en falta os seus comentarios irónicos e sarcásticos", apuntou Puentes.
Rafa Domínguez, pola súa banda, agradeceu que, a pesar das diferenzas ideolóxicas e dos "debates duros" entre ambos, Carme da Silva mantivese sempre o "respecto institucional e persoal" cos edís do PP, algo que considera que "é importante".
"Agradezo o seu traballo desde o cariño persoal que lle teño", subliñou Domínguez.
LORES: "NON DESBOTO QUE POIDA VOLVER"
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo tamén ter unhas palabras para Da Silva. "Perdemos unha gran concelleira pero gañamos unha gran senadora que estará ao servizo de todos os pontevedreses e de todos os galegos", afirmou.
Fernández Lores destacou a "capacidade de traballo" de Da Silva durante todos estes anos, a súa "altura intelectual", o seu coñecemento da lexislación ou a súa "finura para ler o partido", pero defendeu que se algo a caracteriza "é o seu amor a Pontevedra".
"Sempre dedica o tempo que faga falta para que esta cidade e este país estean orgullosos", destacou o alcalde, que concluíu asegurando que "non desboto que poida volver a Pontevedra a aportanos o seu coñecemento e a súa capacidade de traballo".