Xa está eliminado un punto de vertido de augas residuais ao río Gafos no concello de Pontevedra.
Este foco foi localizado na rúa Estación, no lugar de Cabanas, no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, na rede fluvial do municipio.
As inspeccións de seguimento permitiron identificar a orixe da contaminación na canalización das augas residuais da rede de saneamento municipal neste núcleo da parroquia de Salcedo, que afectaba ao río Gafos.
Os técnicos da Xunta comunicaron esta situación ao Concello de Pontevedra para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante.
Nunha nova inspección os técnicos da Xunta verificaron que as obras de reparación da deficiencia na canalización da infraestrutura de saneamento municipal, levadas a cabo pola entidade local, permitiron a emenda do vertido.