Eliminación de especies invasoras, rozas e podas para manter en bo estado os parques da Fracha e A Tomba

Pontevedra
22 de outubro 2022

O contrato de mantemento dos parques forestais licitado polo Concello de Pontevedra para manter en bo estado o "anel verde" da cidade xa entrou en funcionamento e está a permitir a realización dos primeiros traballos e actuacións. No parque da Tomba actuouse no punto onde a mediados de 2020 se realizou unha plantación de oliveiras

Parque forestal da Fracha
Parque forestal da Fracha Concello de Pontevedra

O contrato de mantemento dos parques forestais licitado polo Concello de Pontevedra para manter en bo estado o "anel verde" da cidade xa entrou en funcionamento e está a permitir a realización dos primeiros traballos e actuacións nestas zonas.

O edil de Montes e Parques Forestais de Pontevedra, Alberto Oubiña, explicou este sábado que as primeiras actuacións concentráronse nos parques forestais da Fracha e A Tomba, coa eliminación de especies invasoras, rozas nos sendeiros e podas. 

No parque da Tomba actuouse no punto onde a mediados de 2020 se realizou unha plantación de oliveiras. A zona estaba chea de plantas invasoras como, por exemplo, a acacia e agora realizouse unha limpeza total desta zona, de tal maneira que "está en bastante bo estado". 

Nas vindeiras semanas realizarase algunha comprobación para recuperar aquelas plantas que non foron arriba, mais, segundo sinalou Oubiña, "de xeito maioritario, si que foron". Tamén se irán estudando as funcións da terra de cara a poder facer o enxerto das plantas e que nun futuro poidan ter unha produción.

Nestes momentos, os esforzos estarán centrados no parque forestal da Fracha. Alí, os operarios están actuando nos camiños e nos sendeiros para rozalos e que poidan ser empregados coa mellor comodidade posible

Na Fracha tamén se realizou unha poda no espazo do bikepark e nas vindeiras semanas está prevista unha intervención na zona de Tomeza, para logo continuar ao longo de todo o parque. 

Alberto Oubiña lembra que con este contrato de mantemento o obxectivo do goberno municipal é "poñer os parques forestais de Pontevedra no mellor estado posíbel para que a xente que o desexe así poida achegarse até eles e tamén coidar das plantacións que temos, moi interesantes para as comunidades de montes, ás que lle agradecemos o seu traballo".