Elevan a cinco os detidos na última operación antidroga no Salnés

O Salnés
10 de outubro 2022

Os equipos Edoa da Garda Civil de Pontevedra e A Coruña e o grupo Udyco da Policía Nacional de Pontevedra realizaron na madrugada do 5 de outubro dez rexistros en Vilanova de Arousa, Cambados, Sanxenxo e Pontecesures. Supuxo un despregamento policial de máis de 100 axentes 

Operación Heroin Brown - Turaco - Vieirados Guardia Civil | Policía Nacional

A última operación antidroga realizada pola Policía Nacional e a Garda Civil no Salnés durante a pasada semana xa suma cinco detidos. A última cifra facilitada era de catro e este luns fíxose un balance oficial que xa os eleva nun máis. En todo caso, continua aberta e espéranse novas detencións nos próximos días.

A operación tivo o seu momento central na madrugada do 5 outubro. Os equipos Edoa da Garda Civil de Pontevedra e A Coruña e o grupo Udyco da Policía Nacional de Pontevedra realizaron dez rexistros en Vilanova de Arousa, Cambados, Sanxenxo e Pontecesures e neles realizáronse estas cinco detencións, todas elas de veciños do Salnés. Aos sospeitosos atribúenselles os delitos de tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal por ter en marcha unha rede dedicada ao tráfico de cocaína.

A investigación comezou a mediados de 2021, cando as unidades policiais teñen coñecemento da existencia dun grupo criminal perfectamente estruturado, o cal se dedica á venda de substancias estupefacientes na comarca do Salnés e localidades limítrofes. 

Os investigadores concluíron que esta organización tiña un lugar para a almacenaxe, manipulación e posterior distribución de sustancias estupefacientes na localidade de Vilanova de Arousa. Estaba na parroquia de Pantrigueira, nun lugar de difícil acceso que complicou os labores de investigación.

A operación, bautizada Heroin Brown - Turaco - Vieirados, implicou un despregamento policial de máis de 100 axentes nos que os grupos investigadores tiveron o apoio de GRS 7 e USECIC da Garda Civil de Pontevedra e  UIP´s de Policía Nacional. 

Nos rexistros realizados os axentes interviñeron 1,410 quilos de cocaína, 30 gramos de heroína, 1.000 gramos de substancias de corte, 80.000 euros, cinco vehículos de alta gama e diversos efectos informáticos e telefónicos.

A investigación diríxea o Xulgado de Primeira Instancia é Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa, que o venres decretou o ingreso en prisión de dous dos detidos.