Eleccións 24M: O Partido Popular perde a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra

Pontevedra
25 de maio 2015

Ata agora os populares tiñan 17 deputados, 3 máis dos necesarios para gobernar en maioría, fronte aos 10 que suman no seu conxunto os grupos da oposición: 6 do PSdeG e 4 do BNG. Despois das eleccións do 24 de maio, o PP perde catro deputados e queda con 12, o PSOE consegue 10 deputados, o BNG, 4 e a Marea tamén obtén representación cunha acta de deputado

Comparecencia de Rafael Louzán na noite electoral Cristina Saiz

Os resultados electorais na provincia de Pontevedra fixeron que o Partido Popular perda a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra.

Ata agora os populares tiñan 17 deputados, 3 máis dos necesarios para gobernar en maioría, fronte aos 10 que suman no seu conxunto os grupos da oposición: 6 do PSdeG e 4 do BNG. Despois das eleccións do 24 de maio, o PP perde catro deputados e queda con 12, o PSOE consegue 10 deputados, o BNG, 4 e a Marea tamén obtén representación cunha acta de deputado.

O partido xudicial de Vigo foi "clave" xa que nesta circunscrición o PP perdeu 3 deputados "o límite da nosa maioría" e no caso dos partidos xudiciais de Pontevedra e de Tui perde 1 deputado en cada un deles.

"Este partido no ámbito da provincia de Pontevedra tivo sempre a responsabilidade de gobernar na Deputación", cuestión que a partir agora cambia, ao non ter unha maioría absoluta, polo que "a partir de agora imos escoitar e ver que din as forzas que poden sumar máis deputados que o Partido Popular", sinalou.

"Agora o que toca é esperar", insistiu Rafael Louzán. "As expectativas do Partido Popular eran outras", admitiu o presidente provincial do PP en referencia á Deputación de Pontevedra.

Ás 0:40 horas deste luns compareceu ante a prensa o presidente provincial do Partido Popular en Pontevedra, Rafael Louzán, acompañado da presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, a senadora popular, Dolores Pan e a secretaria de Organización do PP provincial, Rocío de Sinde.

O PP É A FORZA MÁIS VOTADA

"O Partido Popular non obtén os resultados que se esperaba, nin moito menos", arrancou Louzán a súa valoración "pero si é certo que o Partido Popular volve ser a forza máis votada da provincia de Pontevedra", salientou.

En concreto a formación conservadora obtivo na provincia 162.772 votos, "practicamente o 33%", e a eses electores quixo dar as grazas.

O mandatario popular parouse en "outro dato moi revelador" que é que o Partido Popular foi a lista máis votada en 44 municipios dos 62 que ten a provincia "e conseguiu 27 maiorías absolutas estamos preto dos 400 concelleiros", polo tanto Louzán concluíu que o seu partido foi "o gañador".

UN TEMPO NOVO

"Todo parece indicar que estamos ante un tempo novo", sinalou Rafael Louzán en referencia ás "distintas coalicións de goberno que agora si que terán que dar a cara", dixo en referencia a cual é o programa co que se goberna, ou a quen se apoia nas distintas investiduras.

Entre as causas destes resultados do PP, Rafael Louzán entende que esta convocatoria co panorama electoral "moi fragmentado", non axudou a que o PP sacase un mellor resultado, e citou tamén "o difícil labor que está a facer o Goberno de España, que non foi bo entendido".

En ningunha das tres grandes cidades da provincia, en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, conseguiu ser a forza máis votada. "A lectura é doado: debemos respectar a vontade maioritaria dos cidadáns", resumiu Rafael Louzán, "probablemente en algo nos equivocamos".

"Esta lectura tense que facer nun amplo contexto", concluíu o presidente provincial do Partido Popular.

Arquivado en