Eleccións 24M: Alberto Varela recupera Vilagarcía para o PSOE tras o batacazo de Tomás Fole

O Salnés
25 de maio 2015

Catro anos foron suficientes para que os vilagarcianos virasen as costas a Tomás Fole como alcalde. O PSdeG-PSOE recuperará unha das súas prazas históricas despois de que o seu candidato, Alberto Varela, gañase as eleccións na capital arousana

Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía PSdeG-PSOE

Catro anos foron suficientes para que os vilagarcianos virasen as costas a Tomás Fole como alcalde. O PSdeG-PSOE recuperará unha das súas prazas históricas despois de que o seu candidato, Alberto Varela, gañase as eleccións na capital arousana. Logrou un 39,35% do total de sufraxios (6.221 votos), dez puntos máis que hai catro anos, o que se traduce en oito concelleiros fronte aos cinco que tiñan os socialistas ata agora.

O ascenso dos socialistas é directamente proporcional ao trompazo dos populares. Fole déixase trece puntos e case 2.700 votos con respecto a 2011. Con ese resultado, o Partido Popular perde tres concelleiros e queda con sete asentos na nova corporación municipal.

Pola súa banda, a coalición formada por Esquerda Unida, Os Verdes e Son mellora tamén os datos obtidos pola organización frentista nas últimas eleccións municipais. Con 2.820 votos e un 15,51% do total de apoios, suman un concelleiro máis e logran tres edís.

A nova corporación completarana o BNG, que perde o concelleiro que gaña Esquerda Unida, e queda con dous edís (9,22% e 1.676 votos); e o partido Participación Democrática Directa que entra cun concelleiro (8,25% e 1.499 votos).

A participación en Vilagarcía situouse nun 60,87% do total do censo, case catro puntos menos que nas últimas eleccións.

VITORIA DO PP EN VILANOVA E DO PSOE NA ILLA

En Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán volveu revalidar a maioría absoluta para o PP. Aínda que perdeu trece puntos, máis de mil votos e dous concelleiros, seguirá como alcalde de forma folgada. Terá dez dos dezasete asentos da nova corporación, ao lograr o 54,34% dos votos (3.240 papeletas).

O PSdeG-PSOE, que sobe de tres a cinco concelleiros (26,16% e 1.560 votos); o BNG que pasa de dous a un (8,99% e 536 votos) e Ganemos que entra cun (8,35% e 498 votos) completan os resultados en Vilanova.

Por último, os socialistas recuperan a maioría absoluta na Illa de Arousa. Carlos Iglesias será o alcalde do municipio os próximos catro anos ao lograr o 47,35% dos apoios (1.585 votos). Este resultado outórgalle sete dos trece concelleiros da corporación. Seus son os dous novos edís que suma o concello polo seu aumento poboacional.

Tamén estarán na corporación o Partido Popular con cinco concelleiros (38,62% e 1.293 votos) e o BNG cun edil (7,23% e 242 votos).

Arquivado en