Eleccións 24 M: A un concelleiro da maioría absoluta quédanse o PP en Cambados e o PSOE no Grove

O Salnés
25 de maio 2015

O PSOE convértese na forza máis votada no Grove, onde o PP experimenta unha forte caída. En Cambados Luis Aragunde perde a maioría e irrompen na corporación PDDdG con dous concelleiros e Camba Pode con un

Luis Aragunde Mónica Patxot

Importantes cambios deixou o proceso electoral do 24 de maio en municipios do Salnés como O Grove e Cambados.

No primeiro deles produciuse un xiro que deixa ao PSdeG-PSOE encabezado por José Antonio Cacabelos, como lista máis votada co 39,35% dos apoios e oito concelleiros, dous máis que en 2011. O socialista, previsiblemente, regresará á Alcaldía que tivo que deixar hai catro anos.

O Partido Popular liderado polo alcalde Miguel Ángel Pérez queda con catro concelleiros (21,41%) fronte os sete actuais, completando a corporación Esquerda Unida e o Bloque Nacionalista Galego con dous concelleiros e o Partido Galeguista Demócrata do Grove con un.

Pola súa banda, en Cambados o Partido Popular, con Luis Aragunde como candidato, cede a maioría absoluta e queda con oito, a un concelleiro de revalidala tras lograr o 45,59% dos votos.

Repiten con tres concelleiros o Partido Socialista de Fátima Abal (17,49%) e o Bloque Nacionalista Galego de Víctor Caamaño (15,79%).

A gran sorpresa en Cambados foi a entrada na corporación municipal de dúas novas forzas políticas, Participación Democrática Directa (PDDdG) con dous concelleiros e Camba Pode con un.

O PP PERDE A MAIORÍA EN RIBADUMIA, MANTENA EN MEIS E MEAÑO

Tamén perde a maioría absoluta o Partido Popular en Ribadumia. Salomé Peña volve ser a máis votada no municipio, pero bota un gran desgaste. Logra un 42,34% dos sufraxios emitidos polos seus veciños (1.305 votos), deixándose polo camiño máis de 24 puntos. Así, dos nove concelleiros que tiña queda en tan só seis.

Os Indepiendentes por Ribadumia de David Castro son a gran sorpresa, xa que acceden á corporación con cinco concelleiros, tras conseguir 1.026 votos (33,29%). Tamén obtén representación o partido Participación Democrática Directa (10,97% e 338 votos) e o PSdeG-PSOE (7,40% e 228 votos). Queda fóra o BNG, que perde os dous concelleiros que tiña (4,77% e 147 votos).

O PP sofre un gran descenso tamén en Meaño, pero si logra manter a Alcaldía con maioría absoluta. Lourdes Ucha sumou 1.358 votos (44,03%) e logra sete concelleiros, tres menos que na actualidade. Xunto a eles sentaranse tamén a agrupación de electores Meaño Independiente, que accede á corporación con catro edís (28,86% e 890 votos); e o PSdeG-PSOE, que logra reter as súas dúas actas (16,31% e 503 votos). O BNG perde o concelleiro que tiña (4,67% e 144 votos).

Por último, en Meis el Partido Popular tamén se salvou pola mínima. José Luis Pérez repetirá como alcalde tras conseguir 1.475 votos (51,77%), que se traducen en sete concelleiros fronte aos nove actuais. A caída dos populares é de case doce puntos. O PSdeG-PSOE que suma dous e chega a cinco concelleiros (33,66% e 959 votos) e o BNG que mantén a súa acta actual (13,30% e 379 votos) completarán a corporación municipal. 

Arquivado en