Elaboradas as bases do plan provincial de axudas polas inundacións dos temporais

Pontevedra
09 de febreiro 2023

A administración provincial enviou nas últimas horas unha carta informativa aos concellos reiterando a súa colaboración nun ámbito en que lembra que carece de competencias

Asolagamentos en Cuntis PontevedraViva - Arquivo

A Deputación de Pontevedra enviou unha carta informativa aos municipios da provincia para transmitirlle a colaboración desde a institución que preside Carmela Silva para acollerse ás axudas complementarias destinadas a cubrir os gastos provocados polas inundacións derivadas dos temporais que se rexistraban nos meses de decembro e xaneiro.

Nas misivas informan de que os servizos técnicos da Deputación xa elaboraron as bases do plan provincial e dos fondos necesarios para estas axudas.

Segundo se recolle nos escritos, a Deputación só está pendente de que a Xunta de Galicia aprobe a declaración de Emerxencia de Interese Galego e emita o Decreto das axudas autonómicas, que lle corresponde como administración con competencias exclusivas da Lei de Emerxencias de Galicia.

Carlos Fon, deputado de Réxime Interior, Economía e Facenda, invita os municipios a "tomar as medidas oportunas" fronte á "inacción da Administración autonómica" e lembra que a Xunta ten a obriga legal de poñer en marcha a declaración de emerxencia galega e o decreto de axudas.

Sinala que o organismo provincial se mantén pendente de que a Xunta enumere os municipios afectados por estas inundacións, tal e como establece a Lei de Emerxencias de Galicia. Lembra tamén que o pleno da Deputación chegou a un acordo unánime o 27 de xaneiro, co voto favorable do PP, que se trasladou ao presidente do executivo galego, Alfonso Rueda.

Nese acordo instábase á Xunta a aplicar a normativa e emitir un informe sobre os danos rexistrados nas catro provincias galegas e solicite ao Goberno estatal a aprobación da declaración de Zona Afectada Gravemente por Emerxencia de Protección Civil. Naquela moción tamén se recollía a elaboración do plan complementario de axudas que a Deputación xa elaborou, segundo indican desde a institución que preside Carmela Silva.