Abre Edugal, espazo para "coñecer, comparar, valorar, reflexionar e elixir" a oferta educativa de Galicia

Pontevedra
09 de outubro 2024
Actualizado: 21:33

Até o vindeiro venres serán miles os estudantes de secundaria que acudirán a esta feira co obxectivo de informarse ao detalle das diferentes opcións formativas

En Edugal tamén pode verse o traballo do alumnado de Formación Profesional

O Salón da Educación e a Formación de Galicia, Edugal abriu este mércores as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra, presentándose á sociedade como un espazo aberto para "coñecer, comparar, valorar, reflexionar e elixir".

Até o vindeiro venres serán miles os estudantes de secundaria que acudirán a esta feira co obxectivo de informarse ao detalle das diferentes opcións formativas.

Na décimo terceira edición de Edugal, un terzo dos 60 expositores presentes na feira corresponden á Universidade de Vigo, representada neste evento por 19 facultades e escolas dos tres campus, ás que se suma o posto de Servizos Centrais e do Centro de Posgrao e Formación Permanente.

Promovido pola Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra (Aempe) e polo Concello de Pontevedra, e coa colaboración, entre outros, da Xunta de Galicia e do Consello Social da Universidade de Vigo, a organización de Edugal cifra en máis de 10.000 persoas o "público potencial" deste evento.

Ao acto inaugural, celebrado este mércores ao mediodía, asistiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o presidente de Aempe, José María Corujo; a concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a directora xeral de FP, Eugenia Pérez; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entre outras autoridades.

Na súa intervención o conselleiro explicou que, aínda que en España a lei marca a escolarización obrigatoria até os 16 anos, desde a Xunta trabállase para que os mozos galegos continúen formándose e que todos eles estuden como mínimo até os 18 anos.

Ademais, animou ao estudiantado a achegarse ás casetas dos centros integrados de FP nesta feira para coñecer de primeira man as posibilidades que ofrecen estes ensinos.

O presidente de Aempe, José María Corujo, reflexionou no seu discurso sobre a formación e as necesidades do mercado laboral e, nese contexto, fixo un "chamamento" ás administracións con responsabilidades nesta materia para que solucionen o problema "moi preocupante" que supoñen os "miles de postos de traballo sen cubrir" a pesar de que existe "unha gran masa de desemprego, especialmente xuvenil".

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa apuntou que a día de hoxe "non se coñece ao redor da metade das profesións que serán necesarias no futuro".

Pedrosa destacou que "Edugal converte a Pontevedra en destino obrigado" en "unha cámara hiperbárica para respirar futuro", indicou.

A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías aludiu á idea de "sociedade líquida" do sociólogo polaco Zygmunt Bauman para apuntar que "estamos nunha sociedade cambiante que se enfronta a grandes retos" e, neste sentido, reivindicou a importancia que ten o ensino público amplamente representada en Edugal.