Educación ten escolarizados 199 refuxiados ucraínos en colexios pontevedreses

Marín
19 de maio 2022

Trátase de alumnado de entre 3 e 17 anos matriculado en distintos cursos de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Os primeiros alumnos escolarizáronse o 9 de marzo e os últimos o 11 de maio. Todos están a recibir un seguimento individualizado para afrontar aspectos que poden presentar dificultades

Visita de Luís López a alumnado escolarizado no colexio San Narciso de Marín Xunta de Galicia

Desde o inicio da invasión rusa en Ucraína a chegada de persoas refuxiadas que buscan acollida en Pontevedra non cesa e este movemento nótase nos colexios. A Consellería de Educación da Xunta de Galicia ten escolarizados un total de 199 nenos e nenas ucraínos en centros educativos dunha trintena de concellos da provincia. 

Trátase de alumnado de entre 3 e 17 anos matriculado en distintos cursos de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato e o obxectivo desta escolarización é favorecer a súa integración e adaptación na súa condición de refuxiados pola guerra. 

Os primeiros alumnos escolarizáronse o 9 de marzo e os últimos o 11 de maio, data na que se rexistraron as derradeiras matrículas ata o momento. 

Todos eles están a recibir un seguimento individualizado para afrontar aspectos que poden presentar dificultades, como o idioma ou seu estado emocional, co obxectivo de favorecer e acelerar a súa integración académica e social. 

O maior grupo de alumnos ucraínos da provincia está no CPR San Narciso de Marín. Son, en total, 32 e este xoves recibiron a visita do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López; a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o xefe territorial de Educación, César Pérez.

Durante a visita tiveron oportunidade de coñecer a súa adaptación e a atención educativa que reciben. Unha vez rematada, Luís López lembrou que Galicia é un pobo solidario e acolledor, "algo inherente á nosa forma de ser e que se acrecentou pola acollida que tivemos en todo o mundo durante os anos máis duros da emigración". 

Tamén destacou que a Xunta está poñer todos os servizos públicos ao dispor dos refuxiados de Ucraína e, especialmente, dos nenos, que "son os que máis sofren as consecuencias desta guerra cruel e inxusta que todos agardamos que remate canto antes".