Educación suspende as clases en Galicia polo coronavirus

Pontevedra
12 de marzo 2020
Actualizado: 20:32

Desde mañá venres non será obrigatorio que os estudantes acudan aos centros educativos e, desde o luns, todos os colexios, institutos e universidades, tanto de carácter público como privado, deberán estar pechados

Aula baleira Mónica Patxot

Os colexios de Galicia pecharán polo coronavirus. A medida, que se adopta por prevención., foi anunciada pola Xunta de Galicia que, a través do departamento de Educación, ordenou suspender as clases en toda a comunidade.

Desde mañá venres non será obrigatorio que os estudantes acudan aos centros educativos e, desde o luns, todos os colexios, institutos e universidades, tanto de carácter público como privado, deberán estar pechados.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a medida será de aplicación durante 14 días e afectará tamén as actividades extraescolares. Durante estas dúas semanas irán tomando decisións sobre se continuará a medida. O mandatario autonómico recoñece que é "pesimista", pero non quere adiantar decisións, pois "14 días é un criterio prudente" e, de momento "pode ser suficiente".

Feijóo compareceu ante os medios de comunicación tras a reunión do Consello da Xunta e anunciou máis medidas "de carácter preventivo" que se adoptan, segundo explicou, usando "criterios de prudencia" para tentar frear o avance do coronavirus en Galicia.

No Centro Asociado da Uned de Pontevedra aplicouse o protocolo e manterá o servizo ao seu estudantado a través de medios telemáticos en relación co profesorado. Non se impartirán titorías presenciais, serán telemáticas. Van manterse pechadas ao público a biblioteca, librería e cafetería. Suspéndense as prácticas presenciais e aconséllase ao alumnado que usen a atención telefónica e o correo electrónico malia que se manteña aberta a atención ao público e o rexistro na sede de Monte Porreiro.

Así, tamén se decidiu o peche de museos, bibliotecas e arquivos de competencia autonómica e impóñense limitacións para os actos públicos. Nos celebrados en espazos ao aire libre limitarase o aforo a 500 e en espazos pechados a regra xeral será limitar a asistencia a 50 persoas, pero se o tamaño do local é maior, permitirase que asistan unha persoa por cada tres das que ten capacidade o lugar, é dicir, dun aforo de 900, só poderán acudir 300.

O goberno galego tamén acordou medidas nos centros sanitarios, nos que se limitou a asistencia a un acompañante por paciente e non se permitirán as visitas de persoas que teñan síntomas respiratorios ou febre. Tamén se potencian as visitas a través de internet e por teléfono e suspéndense as visitas de  visitadores médicos e farmacéuticos.

Ademais, suspéndense todas as prácticas de estudantes de ciencias da saúde en centros sanitarios e adóptanse medidas en materia de política social como pechar os centros  sociocomunitarios e limitar o acceso a centros sociais e residencias a maiores de 70 anos ou a aquelas persoas de meos idade que teñan patoloxías cardíacas ou respiratorias.