Educación garante un reforzo do cadro docente na Xunqueira 2

Pontevedra
11 de setembro 2024

Así o sinalou a consellería a preguntas de PontevedraViva a raíz da protesta realizada por un grupo de familias do alumnado de quinto curso de educación infantil, que piden o desdobre da aula ou un reforzo de persoal a xornada completa. Nesta clase hai 24 escolares, dos que tres teñen necesidades educativas especiais 

Familias e alumnado de quinto curso de educación infantil do colexio Xunqueira 2 Mónica Patxot

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional garante que o colexio A Xunqueira 2 de Pontevedra terá un reforzo educativa durante o curso escolar que se inicia este mércores. 

Así o sinalou a consellería a preguntas de PontevedraViva a raíz da protesta realizada por un grupo de familias do alumnado de quinto curso de educación infantil deste centro, que piden o desdobre da aula ou un reforzo de persoal a xornada completa.

Nesta clase hai 24 escolares, dos que tres teñen necesidades educativas especiais e piden un reforzo. De momento, só lles garanten un reforzo a media xornada e pídeno a xornada completa

Desde Consellería explican que ao abeiro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, co fin de garantir a máxima atención ao alumnado con necesidades educativas, a Consellería está a reforzar a dotación do profesorado con 400 docentes.

Os centros, dentro da súa autonomía, poderán empregar eses docentes para distintas opcións pedagóxicas como "facer desdobres de grupos, apoio na aula, coeducación con dous profesores nunha mesma aula ou facer subgrupos en materias instrumentais".

A Consellería garante que este centro está entre os beneficiarios do plan, con reforzo do cadro docente e sinala que os primeiros docentes estarán nos centros este mércores 11 de setembro e os seguintes en outubro. Non aclaran cando empezará o reforzo deste centro. 

Esta situación afecta a nenos e nenas de 3 e 4 anos e tanto o centro educativo como as súas familias levan desde xuño pedindo que se teña en conta a súa especial realidade e a "dificultade" de exercer unha docencia individualizada e coa mellor atención.

Como solución, piden que se desdobre a aula en dúas "para atender correctamente aos nosos fillos e fillas mellorando o principio de individualización da educación" e, en caso de non facelo, que envíen un docente de apoio a tempo completo.