Eduardo Pondal, Pastor Díaz ou Almirante Matos, próximos pasos na reforma urbana de Pontevedra

Pontevedra
09 de marzo 2023

Ata 53,8 millóns de euros. É a contía dos investimentos que, segundo as previsións municipais, pasarán polo departamento de contratación do Concello en 2023. Todas elas figuran nun plan que presentou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

Ata 53,8 millóns de euros. É a contía dos investimentos que, segundo as previsións municipais, pasarán polo departamento de contratación do Concello en 2023. Todas elas figuran nun plan que presentou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Este plan, cuxa contía global ascende a case 79 millóns ao incluír contratos de servizos como o SAF ou actuacións que implican gasto corrente, inclúe proxectos, segundo Fernández Lores, que permitirán "seguir avanzando na transformación de Pontevedra".

Unha das principais liñas de traballo serán as obras de reforma integral de diferentes espazos públicos da cidade. Un eles, que está entre os máis avanzados, será a actuación prevista para dotar de plataforma única ás rúas Castelao e Daniel da Sota.

Pero o alcalde aproveitou a presentación deste plan de contratación para 2023 para adiantar cales serán os próximos pasos na reforma urbana da cidade.

Un dos proxectos de maior contía será o que permitirá acometer a transformación de Eduardo Pondal, unha actuación valorada inicialmente nuns dous millóns de euros e que, probablemente, executarase por fases porque "eses cartos non darán para todo", segundo Lores. 

A intención do Concello, tras as peticións realizadas polos veciños, irá na liña de reducir o "excesivo" tráfico que pasa por este vial, onde ademais se ampliarán as beirarrúas, renovaranse os servizos ou se instalarán novo mobiliario e puntos de luz.

Tamén cambiará radicalmente de aspecto o eixo que forman as rúas Pastor Díaz, Arquitecto de la Sota e Paseo de Cervantes (1,2 millóns), nas inmediacións das Palmeiras, que pasará a ter beirarrúas máis anchas e nas que se reducirán as prazas de aparcamento.

Almirante Matos, na zona de Campo da Torre (1,44 millóns), proxectos xa anunciados como a Rúa da Santiña (2,16 millóns), Luís Seoane (348.000 euros), a Praza da Liberdade (455.000 euros) ou a Rúa Pasantería (245.000 euros) son outras previsións para 2023, xunto coa Avenida de Lugo (233.000 euros), entre Virxinia Pereira e a rotonda de Montecelo.

Lores detallou ademais que este plan de contratación reflicte os compromisos para as rehabilitacións previstas no antigo conservatorio (1,67 millóns), o edificio municipal de Churruchaos (1,51 millóns), o Teatro Principal (245.000 euros), o mercado de abastos (523.000 euros), o cemiterio de San Amaro (643.000 euros) ou o Centro Sur (934.000 euros).

A eles, o alcalde sumou o complexo deportivo da Parda (14,5 millóns), a reforma do pavillón do CEIP A Xunqueira II e a construción dun novo campo de fútbol na Xunqueira (2,4 millóns), a reforma da nave de piragüismo de As Corbaceiras (469.000 euros) ou o pavillón de tenis de mesa en Monte Porreiro (2,4 millóns).

O plan, por último, tamén recolle proxectos como a ampliación da pasarela José Adrio (711.000 euros), o novo vial de Mollavao (3,1 millóns) ou unha ambiciosa actuación, que se presentará proximamente, para acondicionar todo o frontal do Lérez entre a Ponte dos Tirantes e O Burgo (9,6 millóns).

No ámbito rural, este documento municipal inclúe a ampliación da praia de Ponte Sampaio, o núcleo de centralidade de Campañó ou os novos centros sociais de Ponte Sampaio, Bora e Acevedo, cun investimento global de 6 millóns de euros.