Edís de Ponferrada visitan Pontevedra para adoptar o seu modelo urbano

Pontevedra
18 de febreiro 2023

Iván Alonso, concelleiro de Coalición por El Bierzo, destacou a cantidade de xente que hai nas rúas e a vida que desprende Pontevedra nun día laboral como este venres

Concelleiros de Ponferrada reúnense co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores Concello de Pontevedra

Unha representación do Concello de Ponferrada visitou este venres pola mañá a cidade de Pontevedra co fin de comprobar os avances en materia de mobilidade e recuperación de espazo público realizados ao longo dos últimos vinte anos.

Os visitantes, pertencentes ao grupo municipal Coalición por El Bierzo e encabezados por Iván Alonso, quixeron coñecer o modelo urbano en profundidade, polo que primeiro recibiron unha exposición técnica da man do director xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra, Daniel Macenlle, para logo percorrer a cidade acompañados do edil de Mobilidade, Demetrio Gómez.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu a comitiva tanto no Concello como ao final do seu percorrido polas rúas da Boa Vila, lembrando que esta atracción e interese pola cidade vén a través do obxectivo de continuar "a construír unha cidade pensada para as persoas, algo para o que levamos máis de 20 anos tomando decisións que loiten contra o cambio climático, o tráfico excesivo e melloren a calidade de vida".

Pola súa banda, Iván Alonso destacou a enorme cantidade de xente que se podía ver na rúa mesmo un día laboral. "É algo que se pode palpar, a alegría da xente e o orgullo que lles provoca a cidade, parece un día festivo pero é un día normal", comentou.

"Prestaríame que Ponferrada fose así, unha Ponferrada orgullosa que recupera o protagonismo da xente das rúas. Só podemos dar as grazas polo trato recibido e polas ideas que obtivemos nesta visita que poden ser extrapolables á nosa cidade", rematou.