EC Casas executará a reforma da Primeira Travesía da Seara por 151.000 euros

Poio
13 de outubro 2021

O Concello de Poio vén de adxudicar a posta a punto de servizos e dotación de empedrado, entre outras melloras, na Primeira Travesía á empresa EC Casas, cun orzamento de 151.857 euros

Pontón ampliado na via principal da Seara Concello de Poio

A Xunta de Goberno do Concello de Poio adxudicou á empresa EC Casas a realización da obra prevista na Primeira Travesía da Seara, cun orzamento que ascende a un total de 151.857 euros. 

A alcaldesa en funcións e concelleira de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada, lembra que este proxecto é un dos impulsados pola administración municipal para mellorar a actuación contemplada inicialmente na vía principal da Seara e que non foi completada pola empresa Nexia, polo seu cese repentino de actividade en 2020.

Isto obrigou ao goberno local a volver a iniciar o pertinente proceso de licitación, feito que foi aproveitado para estender as melloras a outros ramais pertencentes a este núcleo. 

Este tamén é o caso do proxecto de mellora do Camiño Casal, cuxa licitación foi aprobada recentemente, cun importe de máis de 180.000 euros, e que será adxudicado unha vez finalice o proceso de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas.

No caso da Primeira Travesía, procederase á mellora nos servizos de saneamento, así como na separación de pluviais e abastecemento. Asemade, a firma adxudicataria deberá acometer o soterramento do tendido eléctrico e a canalización para telecomunicacións.

Finalmente, haberá novo alumeado e unha superficie de empedrado, seguindo a filosofía xa iniciada nas obras da vía principal da Seara, para garantir a harmonía e o respecto coa contorna deste núcleo tradicional.

Estes investimentos complétanse cos 289.532,97 euros empregados para completar a actuación principal no núcleo, rematada pola empresa Marconsa nos últimos meses.

Neste caso, quedaran pendentes de realizar a instalación dos colectores de pluviais e saneamento e a construción dun novo pontón, así como a dotación de empedrado ao longo da vía. Nestas zonas, ademais, faise unha aposta pola mellora da seguridade viaria, ao reducirse a velocidade a 30 quilómetros por hora. 

Chelo Besada confía en que as obras tramitadas e adxudicadas nos ramais se leven a cabo no menor tempo posible para "culminar un proceso que servirá para poñer en valor un núcleo moi importante da parroquia de San Xoán e dar resposta ás demandas da veciñanza en materia de seguridade e servizos ".

Estes investimentos proveñen dos fondos obtidos a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.