E se as cousas non foron como nos contaron?

Pontevedra
27 de maio 2021

Esa é a pregunta que pretende responder o programa municipal A memoria das mulleres coa súa nova iniciativa audiovisual. Desmontarán falsos relatos creados ao redor do golpe de estado de 1936, da guerra civil española e da represión que houbo durante a ditadura franquista

Familia de Aurelio Torres nun vídeo da campaña E se non foi como nos contaron? A memoria das mulleres

Esa é a pregunta que pretende responder o programa municipal A memoria das mulleres coa súa nova iniciativa audiovisual. Desmontarán falsos relatos creados ao redor do golpe de estado de 1936, da guerra civil española e da represión que houbo durante a ditadura franquista.

A campaña, que leva o nome E se non foi como nos contaron?, está composta de dezaoito vídeos de pequeno formato que se irán subindo periodicamente ás redes sociais deste programa sobre a memoria histórica de Pontevedra.

Os vídeos da campaña baséanse en declaracións de familias afectadas directamente polo xenocidio e as vexacións franquistas, as participantes no documental A memoria neta que o Concello de Pontevedra presentou no 2019.

Todos comezan cunha desas afirmacións consideradas como verdade durante décadas. Por exemplo, "Houbo unha guerra e na guerra morre xente", que se repetiu reiteradamente no intento de xustificar os asasinatos ocorridos na cidade tras o golpe de estado de 1936.

Tamén haberá vídeos que introducen temas polémicos como o mantemento da simboloxía franquista ou a necesidade da memoria histórica.

As persoas entrevistadas eran familiares de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez, Amancio Caamaño e Matilde Caamaño, Ramiro Paz, Aurelio Torres, Fina Dios, Josefina Arruti e Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Adelina Gama e Nieves Gamallo Adrio.

Todas estas declaracións van encamiñadas a poñer en valor a memoria en primeira persoa e desmontar o relato que construíu o réxime, non só para facer xustiza co pasado senón tamén para afastar o fascismo do presente e do futuro.