A resposta á pregunta que expomos neste titular é "si". Polo menos, así se desprende do estudo que realizaron de forma conxunta investigadores das universidades de Vigo e Santiago e o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.
Lograron deseñar un modelo estatístico que permite predicir que zonas de monte son máis proclives a sufrir incendios de "alta severidade", é dicir, eses lumes que afectan as árbores na súa totalidade.
O estudo, coordinado polo profesor José María Fernández da Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra, conclúe que a forza e dirección do vento, o tipo de vexetación ou a existencia de pendentes no terreo son factores "determinantes" para que os incendios forestais causen "maiores danos" nas masas arbóreas.
Baseándose neses factores e outras variables topográficas, meteorolóxicas e relativas aos combustibles vexetais, este modelo diferencia en que parcelas é máis probable que se produzan graves incendios. Para iso, analizáronse entre outros os incendios que sufriron en 2013 os municipios pontevedreses de Ponte Caldelas e Oia.
"O que nos interesaba ver é se en base aos datos que recollemos dos incendios somos capaces de predicir onde vai ocorrer o mesmo nunha zona que non ardese", explica José María Fernández.
A partir da investigación, os investigadores concluíron que os incendios son "máis frecuentes" en zonas con alta velocidade de vento e en zonas onde as copas do arboledo están máis preto do chan "o cal era lóxico", así como en lugares máis expostos ao sol.
Ademais, os incendios máis graves repítense en áreas "con alta rugosidade do terreo" ou en lugares nos que o chan presenta maiores variacións de altura nun curto espazo.
O estudo que se desenvolveu en Pontevedra centrouse nos chamados "lumes de copa", que son incendios caracterizados polo paso das lapas da copa dunha árbore a outra, provocando que estas ardan por completo.
Trátase, sinala Fernández, de incendios que traen consigo "moitas implicacións", en primeiro termo, nas propias tarefas de extinción, xa que "non é o mesmo enfrontarse a lapas de oito metros que de 25, que son algo realmente imparable".
Unha vez sufocados, engade, non só se perde masa arbórea, senón que o chan queda "totalmente exposto" á acción da choiva, que vai provocar un arrastre de materiais que xerará "repercusións negativas" máis aló da zona do incendio.
Poder distinguir, por tanto, que parcelas son "críticas" pode ser unha maneira de "axudar" na toma de decisións sobre tratamentos preventivos, segundo os autores da investigación.
Os resultados deste estudo recóllense no artigo que Fernández asina, xunto a José Antonio Vega e Enrique Jiménez do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e Ana Daría Ruiz e Juan Gabriel Álvarez da Universidade de Santiago, na revista European Journal of Forest Research.