Duros reproches ao BNG pola súa "nula xestión" para resolver os incidentes na Ferrería ou Campolongo

Pontevedra
22 de abril 2024

Os problemas que se están rexistrando en varias zonas da cidade, entre elas A Ferrería, Campolongo ou as galerías da Oliva, coa presenza de persoas que consomen alcol e drogas na rúa, volveu a ser tema de debate no pleno da corporación municipal

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal Mónica Patxot

Os problemas que se están rexistrando en varias zonas da cidade, entre elas A Ferrería, Campolongo ou as galerías da Oliva, coa presenza de persoas que consomen alcol e drogas na rúa, volveu a ser tema de debate no pleno da corporación municipal.

Foi tras a moción presentada polo PP, que reclamou a goberno municipal que aborde "con seriedad y de manera multidisciplinar" a situación de "degradación constante" que, segundo Rafa Domínguez, provocan os "incidentes recurrentes" que se producen na cidade.

"No son hechos aislados", segundo Domínguez, para quen se está producindo un "efecto llamada" ante a "sensación de impunidad" coa que se comportan estas persoas, que fai que "cada vez llegue más gente de estas características" a Pontevedra.

En diversas zonas da cidade, denunciou o portavoz popular, a convivencia "es muy difícil" ante as ameazas e agresións a veciños e comerciantes, que provocaron que "haya miedo" entre os residentes para saír á rúa porque avisan á policía "y no les hacen caso".

Así, os populares reclamaron unha maior presenza policial nas rúas, que se reforcen os servizos sociais para atender ás persoas con problemas de adiccións e que se modifique a ordenanza de seguridade cidadá para dar "argumentos jurídicos" á Policía Local.

"No hay ni la más mínima duda de que Pontevedra es más insegura que hace cinco años", sentenciou o líder do PP, que instou a atallar o problema "antes de que vaya a más".

O socialista Iván Puentes, pola súa banda, lamentou que tres meses despois de que se intensificase esta problemática a xestión do goberno municipal fora "practicamente nula" e que se "fiara todo" a unha xunta local de seguridade que aprobou reforzar a presenza policial.

Considera que existe no executivo municipal unha "falta de interese clara" por abordar este asunto, xa que segundo Puentes "creo que non se lle deron ordes neste sentido á Policía Local", debido en gran parte á carencia "evidente" de efectivos neste corpo policial municipal.

Pontevedra, sostivo o portavoz do PSdeG-PSOE, "non ten unha casuística especial" coas persoas que consomen alcol e drogas na rúa, pero si un dos gobernos que "menos cartos destina a política social e os problemas afloran en cuestións como esta".

"O que queremos saber é que van a facer hoxe para resolver este problema", concluíu Iván Puentes, que ironizou que as "medidas discretas" das que fala o BNG "son tan discretas que non as viu ninguén, nin as medidas nin os resultados".

A réplica desde o goberno municipal deuna Eva Vilaverde, responsable da área de seguridade cidadá, que asegurou que en Pontevedra hai "problemas de convivencia" e non de "seguridade ou delincuencia", reiterado que a Boa Vila é unha cidade "segura".

En todo caso, Vilaverde asegurou compartir a preocupación da oposición por estes incidentes "e por iso traballamos con discreción para ir solucionándoos", utilizando todos os instrumentos que o Concello ten á súa disposición para mellorar esta convivencia.

Estes asuntos, reiterou a edil do BNG, resólvense reforzando a presenza policial ou mellorando a coordinación con outros corpos ou servizos "pero non creando alboroto", polo que lle pediu "responsabilidade" a Rafa Domínguez e que abandone o seu "marrullerismo".

"O único que sabe vostede é montar barullo", subliñou a concelleira nacionalista, que pediu ao dirixente do PP que "una ao carro da discreción e da colaboración" para abordar esta situación "que xa había cando o PP gobernaba esta cidade e fomos capaces de resolvela".

No debate sobre esta cuestión coouse a polémica pola instalación de bolardos na rúa Peregrina. Foi despois de que o socialista Ivan Puentes, durante a súa intervención, lamentase que estes elementos teñen como "único fin" o de dificultar o traballo dos corpos de seguridade.

Rafa Domínguez, pola súa banda, lembrou que estes bolardos tiñan "informes en contra" e asegurou que "coa seguridade dos pontevedreses non se xoga", advertindo ao goberno municipal que "son vostedes responsables do que poida suceder".

Tras estes reproches, Eva Vilaverde defendeu esta medida. Sinalou que "con decisións valentes como esta melloramos a seguridade na cidade", matizando que o que se acordou cos mandos policiais foi "ser máis sensibles" á hora de utilizar o espazo público.

Ademais desta moción, o PP expuxo unha segunda iniciativa relacionada coa policía, neste caso defendida pola edil Pepa Pardo para que o pleno apoiase a declaración dos axentes da Garda Civil e da Policía Nacional como profesión de risco.

Esta medida, que supoñería equipararlles aos policías de corpos autonómicos, contou co voto a favor dos cinco edís do PSdeG-PSOE e coa abstención do BNG.

No patio de butacas do Teatro Principal, ademais de membros do sindicato SUP que se manifestaron minutos antes polas rúas da cidade, seguiron o debate representantes da Confederación Española de Policía (CEP).

Estes últimos, que cualificaron como un "sen sentido" a instalación de bolardos, maceteiros ou badéns nas rúas, subliñaron que "non se debe poñer nunca en perigo" a seguridade cidadá e que "se nos escoite" antes de tomar decisións que afecten ao labor policial.