Nos dous últimos venres deste mes de xullo, a Xunta de Galicia organiza visitas guiadas para coñecer os traballos de conservación que se están levando a cabo na zona arqueolóxica de Adro Vello, situada ao bordo da praia do Carreiro, en San Vicente do Grove.
Estas visitas, que se repartirán en quendas de 15 persoas, terán lugar durante a xornada deste venres 22 de xullo e do vindeiro venres, día 29. Nestas xornadas, haberá dispoñibles catro sesións, dúas pola mañá e outras dúas pola tarde, cunha duración de 50 minutos. As primeiras serán ás 10:30 e ás 12:00 horas e xa pola tarde as visitas terán lugar ás 17:30 e 19:00 horas.
As persoas interesadas en participar nesta actividade poden apuntarse no correo electrónico reservas@xeitura.com indicando o seu nome, número de teléfono e horario. Ademais, para asistir recoméndase o uso de roupa cómoda, calzado pechado e gorra.
XACEMENTO DE ADRO VELLO
A zona arqueolóxica de Adro Vello é un espazo único en Galicia que conta cun alto valor patrimonial e unha grande importancia histórica, arqueolóxica, científica e cultural. De feito, hai uns meses iniciouse o proceso para declarar o xacemento Ben de Interese Cultural (BIC) co fin de garantir a correcta conservación dun conxunto clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés.
Neste momento, un equipo de multidisciplinar de investigadores traballa na zona para afondar nos restos do xacemento. Os traballos inclúen a retirada de tapados antigos, a realización de sondaxes arqueolóxicas e a escavación de tumbas con restos óseos humanos. O proxecto complétase coa roza e limpeza de estruturas e con labores de conservación e consolidación no xacemento.
A zona arqueolóxica de Adro Vello presenta numerosos restos de época romana e altomedieval de grande interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, os restos existentes inclúen desde unha factoría romana de salgadura e unha vila romana, ata unha área de explotación de recursos mariños ou restos de estuco, cerámica e cantería. Conta tamén con restos dunha necrópole de inhumación con ata dez niveis de soterramento.