Dúas persoas resultan feridas en accidentes de tráfico rexistrados en Poio e Sanxenxo

Poio
07 de xullo 2022
Actualizado: 18:37

En Poio, o accidente rexistrábase ás 12.00 horas na PO-308 á altura da avenida San Xoán nunha colisión entre tres vehículos. A saída de vía producíase en Noalla, Sanxenxo, e a condutora de nacionalidade alemá foi trasladada a Montecelo para unha exploración.

Vehículo accidentado en Noalla Concello de Sanxenxo

Este xoves producíanse diferentes accidentes nas estradas das Rías Baixas. Un deles rexistrábase en Noalla, no municipio de Sanxenxo, cando un vehículo se saía da calzada e impactaba contra un noiro dunha leira, á altura do Pazo de Quintáns, segundo informa o Concello de Sanxenxo.

A condutora, de nacionalidade alemá, resultou ferida como consecuencia do impacto. Segundo as mesmas fontes, inicialmente as contusións parecían leves, pero a condutora foi trasladada ao Hospital Montecelo para sometela a unha exploración máis detallada. Ata o lugar desprazábase a Policía Local.

COLISIÓN EN POIO

No municipio de Poio tamén se producía un accidente ao redor das 12.00 horas deste 7 de xullo. Axentes da Policía Local eran requiridos na estrada PO-308 á altura da avenida San Xoán debido a unha colisión por alcance entre tres turismos que circulaban en dirección a Pontevedra.

O suceso saldouse cunha persoa ferida leve e danos materiais nos vehículos. Como consecuencia do impacto producíase unha retención de tráfico na estrada ata que se retiraron os coches da calzada. O ferido foi trasladado polo 061 a un centro hospitalario, segundo informan desde a Policía Local de Poio.

SAÍDA DE VÍA DUNHA FORMIGONEIRA

O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados tamén tivo que intervir esta tarde nunha saída de vía na VG-4.3 no límite de Cambados con Vilanova de Arousa.

O vehículo, unha formigoneira, sufía a rotura dun pneumático. O condutor saíu ileso do contratempo. Na intervención tamén participaron axentes da Policia Local de Vilanova e a Garda Civil de Trafico.