Dúas mozas veciñas da Estrada de 20 e 22 anos resultaron feridas á primeira hora da tarde deste luns nun accidente de tráfico rexistrado na estrada N-640 ao seu paso por Cuntis.
Segundo a información facilitada polo Servizo de Emerxencias de Cuntis, o sinistro produciuse sobre as 14.50 horas deste luns no lugar da Anllada, á altura do bar Río Chico, e víronse implicados tres vehículos, aínda que tan só dous resultaron danados.
O primeiro vehículo, un Ford Focus, realizou unha manobra para virar cara o bar, sinalizando a mesma de forma correcta, pero, nese momento, outros dous coches ían en caravana tras el e eles si acabaron chocando.
Tras o Focus circulaba un Golf e, tras el, un BMW X5. O Golf non golpeou ao Focus, pero o BMW si ao Golf. E, froito da colisión, dúas das tres persoas que circulaban nel resultaron feridas.
A persoa que conducía ese terceiro turismo resultou ilesa, pero tanto unha moza que ía como acompañante como outra que circulaba nos asentos traseiros si resultaron feridas. A que ía diante sufriu queimaduras nun brazo polo impacto contra o airbag e a que circulaba detrás impactou contra o asento e lesionouse na zona da cara, ademais de presentar mareos.
Ambas as mozas foron trasladadas ao momento de atención continuada da Estrada, aínda que o seu prognóstico era, inicialmente, leve.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos do 061, Emerxencias de Cuntis e a Garda Civil de Tráfico.
Os dous vehículos sufriron danos materiais e a freada foi tan forte que no terceiro vehículo saltaron todos o airbag.