As dúas liñas circulares do transporte público de Pontevedra seguirán activas ata 2028

Pontevedra
13 de decembro 2024
Actualizado: 14:57

En 2025 tamén se manterá o desconto de 50 céntimos no prezo dos billetes das viaxes no transporte interurbano con orixe e destino en Pontevedra, así como a bonificación de todos os transbordos

Bus urbano na Praza de Galicia Mónica Patxot

O incremento no número de usuarios que utilizan as dúas liñas circulares de transporte público en Pontevedra, xunto co interese xeral deste servizo, está detrás da decisión de prorrogar o seu funcionamento, como mínimo, ata o ano 2028.

Así se recolle no convenio asinado polo Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Para poder subvencionar os billetes destas liñas, que se prestan a través das concesións de transporte público autonómico, a administración municipal destinará algo más de 146.000 euros anuais.

Este acordo implica que continuarán funcionando as liñas Estacións-A Xunqueira-Monte Porreiro (Circular L1) e Praza Galicia-Montecelo-Monte Porreiro (Circular L2).

O convenio inclúe ademais o mantemento durante o ano 2025 das actuacións de promoción do transporte público que se implantan a través da área de transporte de Galicia.

É dicir, o próximo ano manterase o desconto de 50 céntimos no prezo dos billetes das viaxes con orixe e destino no termo municipal de Pontevedra que se fagan a través das liñas interurbanas que xestiona a Xunta de Galicia, así como a bonificación dos transbordos.

Como compensación, o Concello abonará preto de 335.000 euros, un prezo que se calculou con respecto ás viaxes realizadas durante este ano e que poderá variar en función da demanda.

Desde a Xunta de Galicia destacan que ademais destas melloras nas tarifas activadas mediante o convenio de colaboración co Concello, os usuarios benefícianse dos descontos e bonificacións que se aplican no transporte público interurbano co pago das tarxetas de mobilidade de Galicia.

Entre elas, figuran a rebaixa directa do 10% no prezo dos billetes que se paga con esta tarxeta, o desconto adicional do 50% que a Xunta aplica desde 2022, a gratuidade para os menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova ou a gratuidade para os maiores de 65 anos.

Durante o ano 2024, o crecemento da demanda nas viaxes urbanas de Pontevedra foi dun 21% con respecto ao ano anterior, superando os 600.000 viaxeiros ata setembro, fronte aos 500.000 do mesmo período de 2024. O 83% das viaxes tiveron algún tipo de bonificación.

No Concello de Pontevedra, máis de 2.900 maiores de 65 anos e máis de 5.400 menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda a comunidade grazas á tarifa +65 e á tarxeta Xente Nova.