Dúas feridas ao chocar un coche cun autobús en Cuntis

Umia
11 de decembro 2024
Actualizado: 19:40

As dúas feridas eran a condutora e a acompañante do turismo e tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario. A condutora presentaba dor na cabeza e na cadeira e a ocupante, no ombro

Turismo implicado no accidente en Cuntis Servizo municipal de Emerxencias de Cuntis

Dúas mulleres resultaron feridas nun accidente de tráfico rexistrado sobre as 13.10 horas deste mércores na estrada N-640 en Cuntis, na coñecida como recta da Anllada. 

Segundo a información facilitada polo servizo municipal de Emerxencias, o sinistro consistiu nunha colisión entre un autobús e un turismo.

As dúas feridas eran a condutora e a acompañante do turismo e tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario. A condutora presentaba dor na cabeza e na cadeira e a ocupante, no ombro.

O turismo avanzaba pola N-640 cando os coches que circulaban xusto diante se detiveron para entrar á zona de estacionamento dun bar.

Nese momento, por causas que se descoñecen, invadiu o carril contrario e xusto circulaba por alí un autobús e chocaron

Tanto a condutora do turismo como o condutor do autobús intentaron frear e fixeron manobras para esquivar o impacto, pero non o lograron. 

O turismo levou a peor parte. Como resultado do impacto, xirou e acabou na zona de estacionamento do bar. Alí chocou cun poste de formigón e perdeu unha roda

O coche presenta importantes danos materiais. A condutora e a acompañante lograron saír polo seu pé e agardaron alí a chegada dos servizos de emerxencias e sanitarios. 

Autobús implicado no accidente en CuntisServizo municipal de Emerxencias de Cuntis

Segundo explican desde Emerxencias de Cuntis, a condutora estaba moi nerviosa e chorando, non era quen de explicar o sucedido e pedía perdón. Dirixíase, xunto coa súa acompañante, ao traballo.

O autobús sufriu un golpe nun lateral e o condutor e os sete viaxeiros que circulaban naquel momento saíron ilesos

 Ata o lugar tamén se desprazou a Garda Civil de Tráfico.