Desde o pasado 4 de outubro, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo está a desenvolver a súa segunda intervención arqueolóxica na illa de Ons, informa o Diario da Universidade de Vigo (DUVI).
O seu obxectivo é avanzar no coñecemento das relacións comerciais en época romana desta illa bueuense escavando nunha das súas factorías de salga situadas na praia de Canexol e no castro ou castelo dos Mouros, localizado a poucos metros do primeiro e no que, tras a primeira semana de traballo de campo, xa se atoparon os dous primeiros muros e restos de cultura material, entre os que destacan unhas moedas de época romana.
A iniciativa realízase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
A intervención, que se estenderá durante tres semanas, continúa as tarefas de limpeza, rexistro e sondaxes levadas a cabo polo grupo investigador en abril deste ano no mesmo enclave.
Sobre a importancia desta segunda intervención arqueolóxica, os seus responsables explican no DUVI que "pode ser moi interesante pola información que pode achegarnos sobre as relacións comerciais que estaban funcionando no Atlántico desde a Idade de Ferro e en época romana tamén". Neste senso destacan o carácter singular do xacemento, por estar situado nunha pequena illa.
O equipo da Universidade de Vigo que participa en Ons nesta segunda intervención está formado por cinco persoas, con Alba Rodríguez como directora de campo e Adolfo Fernández en calidade de director do proxecto.