Dous votos anulados o 24M poderían dar a maioría absoluta ao PSOE en Caldas. A decisión, o venres

Umia
27 de maio 2015

No reconto de votos do 24 M en Caldas de Reis anuláronse dúas papeletas emitidas na mesma mesa que foran cortadas na parte posterior. En caso de que non tivesen sido anuladas, o PSdeG-PSOE tería dous votos máis, pero, sobre todo, un concelleiro máis e a maioría absoluta. Presentaron unha queixa ante a Xunta Electoral que agora formalizarán por escrito

Sesión de escrutinio de votos da Xunta Electoral de Zona de Pontevedra Cristina Saiz

O reconto de votos do 24 M en Caldas de Reis determinou que dos 5.581 votos emitidos, 124 foron nulos e 87 brancos. A cifra podería pasar desapercibida en calquera municipio, pero no caldense está a ser analizada ao dedillo. O reconto daba tamén 2.509 papeletas ao PSdG-PSOE. Con tan só unha máis, o partido gañaría un concelleiro e a maioría absoluta. Dada a situación, e ante unha incidencia rexistrada xa a mesma noite electoral, o partido presentou unha protesta oficial sobre dous votos anulados, na súa opinión, de forma errónea que a Xunta Electoral de Zona de Pontevedra analizará o próximo venres. De aceptarse eses dous votos, pasaría a ter sete concelleiros.

Este mércores é celebrou na sala de vistas número 6 dos xulgados da Parda a sesión de escrutinio da Xunta Electoral de Zona, na que volveron revisarse os votos anulados por mesa e os delegados do PSOE volveron presentar unha reclamación.

A queixa escoitouse na sala, pero non se decidiu aínda sobre esta, pois a lei dá un prazo dun día a todos os partidos para presentar por escrito as súas protestas e establece que a Xunta Electoral debe reunirse para decidir sobre estas. Esa reunión fixouse para o próximo venres 29 de maio, segundo anunciou o presidente do órgano electoral, o xuíz decano pontevedrés, Miguel Aramburu.

A sesión de escrutio é pública e nela están presentes representantes de todos os partidos que o desexen. Ante todos eles se mostraron as dúas papeletas sobre as que hai discusión. Trátase de dous votos ao PSOE que apareceron na mesma urna da mesma mesa de Caldas e que presentaban a mesma aparencia: os votantes cortáranlle un anaco ao final da lista cos candidatos. A hipótese que se manexa é que son votos depositados por dúas persoas da mesma familia, pois mesmo se probou a colocar unha enriba da outra e coincide ao milímetro o punto polo que foron cortadas.

As dúas papeletas están cortadas xusto polo mesmo sitio, debaixo do último nome da lista, de tal forma que o contido destas aparece íntegro. Non obstante, foron anuladas porque estaban alteradas da súa concepción orixinal. Agora será a Xunta Electoral a que decida, pero dende o PSOE insisten en que "la voluntad del voto está clara".

O voceiro local socialista, Manuel González, explicou que eles "consideramos que son válidas", pero "eso no lo decidimos nosotros", de modo que apelan á prudencia e a que "hay que esperar, no queda otra". Antes de 24 horas presentarán a protesta formal e non emitirán ningunha valoración máis ata que a Xunta Electoral decida.

Arquivado en