Dous semáforos regularán o tráfico no treito en obras do futuro bulevar de Portonovo

Sanxenxo
09 de xaneiro 2023

O goberno local e a empresa adxudicataria atoparon esta alternativa para para evitar o desvío por Rafael Picó e xerar as menores molestias posibles

Visita do alcalde a zona da obra Concello de Sanxenxo

O tráfico no tramo das obras do futuro bulevar de Portonovo regularase finalmente por semáforos para evitar o desvío pola Avenida Rafael Picó, a Rúa Espiñeiro e a Travesía Areal. Unha opción, esta última, que se aplicará se fora necesaria durante o transcurso das obras. 

O alcalde, Telmo Martín, visitou este luns os traballos acompañado da concelleira de Planificación Territorial, María Deza, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro.

Neste encontro coa empresa, co obxectivo de xerar as menores molestias posibles a veciños e titulares de negocios, acordouse a regulación de tráfico con semáforo no carril central único que quedará habilitado a partir do mércores. Os peóns seguirán contando cun paso seguro pola zona de obras. Durante a noite e as fins de semana, apartaranse os valos, para que o vial recupere o dobre sentido do tráfico.

A adxudicataria iniciou este luns o groso da primeira fase dos traballos que comprende máis do 50% da actuación e que vai desde a rotonda do entroque con Rafael Picó ata o cruzamento con Travesía Areal.

O cronograma dos traballos marca xuño como o final desta primeira fase da obra que se volverá a retomar tras o verán para non afectar á actividade turística e comercial.

A actuación supoñerá unha profunda mellora do corazón comercial de Portonovo. Centrarase nun tramo de 810 metros e o obxectivo é conseguir que nesta vía gañen protagonismo as persoas fronte aos vehículos. 

O deseño proxectado tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública. A obra conta cun orzamento total de 2,3 millóns de euros.