Dous roteiros guiados recuperan a memoria das mulleres da Boa Vila

Pontevedra
15 de novembro 2018

O Concello organiza dous roteiros da memoria das mulleres guiados por María Xesús Escudeiro e Montse Fajardo. A primeira cita será o vindeiro sábado 17 de novembro e dará a coñecer o protagonismo das mulleres na historia de Pontevedra

María Luísa Olañeta, María a do Carrillo Del libro Pontevedra, o día que perdemos o mar (Victor Freixanes/Xoán Vilar).

A Concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará, organiza neste mes de novembro diversas actividades de divulgación arredor da historia das mulleres de Pontevedra.

A primeira cita é o vindeiro sábado 17 de novembro, na que a profesora María Xesús López Escudeiro conducirá unha visita guiada pola cidade para dar a coñecer o protagonismo das mulleres na historia da Boa Vila. O percorrido dará comezo ás 11.00 horas na praza da Ferraría e permitirá coñecer os espazos nos que viviron, traballaron, loitaron e soñaron mulleres con nomes e apelidos e outras moitas anónimas.

O roteiro fai un percurso pola historia e a memoria das mulleres, desde a Idade Media ate o século XX: mulleres da nobreza que foron benefactoras como Teresa Pérez Fiota (século XV), bruxas como Vasquida García (século XVI), navegantes como Isabel Barreto Amalia Armesto son protagonistas da viaxe pola historia.

As mulleres das parroquias que viñan vender á cidade, as costureiras ou as leiteiras, as operarias das fábricas, as traballadoras do mar e da conserva teñen o seu espazo neste roteiro que pretende poñer en valor a contribución das clases populares que foron secularmente marxinadas e sienciadas.

No percorrido tamén se fai referencia a mulleres do comercio como Clara López, fundadora de Almacenes Clarita, ou María Luísa Olañeta, María a do Carrillo.

As pioneiras teñen unha presenza notábel na visita: a aviadora Chichana Patiño, a fotógrafa Cándida Otero ou a taxista Dolores Trabado. 

Por último, ocupan un lugar central as creadoras como Carmen Babiano, Aurora Argibay, Mercedes e Alicia Bará ou María Victoria Moreno; as ensinantes como Ernestina Otero ou Daría González; as deportistas, as impresoras ou mulleres do pensamento e o compromiso feminista como Concepción Arenal ou María Vinyals. 

O segundo roteiro terá lugar o sábado 24 de novembro e será conducido pola xornalista e escritora Montse Fajardo, especializada na historia da represión franquista desde unha óptica feminista. 

O percorrido comezará ás 11.00 horas na Casa do Concello e permitirá coñecer a represión franquista sobre as mulleres de Pontevedra, as distintas formas de persecución que sufriron, os nomes e vidas das mulleres represaliadas, e as formas de resistencia e solidariedade que artellaron para resistir ante o fascismo.