Dous presos perigosos rebélanse nas súas celas da Lama e agriden os funcionarios que van reducilos

A Lama
19 de setembro 2019

Segundo denunciaron os sindicatos ACAIP-UXT, CCOO, ATP e CSIF, os protagonistas foron dous internos clasificados en primeiro grao (o máis perigoso) que xa protagonizaran actos de indisciplina en semanas anteriores. Nesta ocasión, ambos os internos "fixéronse fortes" dentro das súas celas 

Xanela dunha cela do Penal da Lama Mónica Patxot

Dous internos do centro penal da Lama protagonizaron o pasado martes, 17 de setembro, un incidente violento que acabou con varios funcionarios lesionados con contusións de distinta consideración que requiriron asistencia médica.

Segundo denunciaron os sindicatos ACAIP-UXT, CCOO, ATP e CSIF, todos con representación entre os traballadores da Lama, os protagonistas foron dous internos clasificados en primeiro grao (o máis perigoso) que xa protagonizaran actos de indisciplina en semanas anteriores. 

Nesta ocasión, ambos os internos "fixéronse fortes" dentro das súas celas, polo que os funcionarios tiveron que reducilos e envialos ao departamento de illamento.

Os sindicatos denuncian estes actos violentos e que non é a primeira vez que ocorren episodios similares no penal. Aseguran que veñen motivados, en moitos casos, por unha deficiente dotación de persoal e por problemas psiquiátricos dos propios internos, unha situación que levan denunciando dous anos e da que responsabilizan á Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias. 

A situación perdura no tempo a pesar das súas continuas denuncias e levaraos a organizar un novo acto de protesta o vindeiro martes 24 de setembro, día en que se celebra a Mercé, patroa da institución, e están previstos actos no centro. En concreto, convocaron unha concentración nas portas do centro ese mesmo día para "facer visible que despois de dous anos de conflito colectivo, seguimos sen ver satisfeitas as nosas demandas".

Os sindicatos queren lembrar que fai falta persoal para desenvolver a custodia, reinserción e reeducación dos internos e que coa cociente actual de traballadores da Lama "isto é do todo imposible". "Os traballadores penais non temos nada que celebrar", aseguran. 

No caso da Lama, falan de situacións de precariedade laboral e falta de persoal "alarmante". Este mes, por exemplo, fóronse 21 funcionarios en prácticas e espérase que en próximos días sexan cesados outros tantos funcionarios que obtiveron destino noutro centro penal, polo que o déficit de persoal "vai chegar a estado crítico e de difícil xestión" para que a seguridade dos internos e funcionarios sexa efectiva.