Dous policías locais feridos a pedradas ao ser atacados no poboado do Vao

Poio
04 de maio 2020

Dous axentes da Policía Local de Poio permanecen ingresados nun centro hospitalario, logo de ser vítimas do ataque realizado por un grupo dunhas 20 persoas no Vao de Arriba. Ambos presentan contusións, magulladuras e diversos cortes

Vehículos policiais danados nuns disturbios no poboado do Vao Policía Local de Poio

Dous axentes da Policía Local de Poio permanecen ingresados nun centro hospitalario, logo de ser vítimas do ataque realizado por un grupo dunhas 20 persoas no Vao de Arriba. Ambos presentan contusións, magulladuras e diversos cortes.

Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local de Poio os feitos tiveron lugar este luns en torno ás 20.30 horas.

Unha patrulla da Garda Civil estaba a realizar un control de mobilidade con motivo do estado de alarma decretado pola pandemia da Covid19 cando lle deron o alto a un home xa coñecido polos axentes do instituto armado pola súa reincidencia en saltarse o confinamento.

Cando os axentes da Garda Civil procedían a súa detención un grupo de persoas reaccionou a pedradas contra o coche patrulla. Foi entón cando un coche do corpo de seguridade municipal chegou á zona, logo de ser avisado polo 112, recibindo o impacto de varias pedras.

Posteriormente, estes mesmos individuos atacaron os automóbiles con paus, provocando cuantiosos danos materiais.

Os dous axentes municipais lograron abandonar o vehículo e tiveron que agardar aos reforzos fóra do poboado. Enseguida acudiron máis efectivos da Garda Civil, e tamén axentes da Policía Nacional e a Policía Local de Pontevedra.

Ás 23.00 horas, está confirmada a detención dun dos presuntos responsables deste ataque contra as forzas da orde.

As dilixencias continúan abertas ata que se identifique ao resto de persoas implicadas nestes disturbios.