Dous pacientes máis ingresados con covid-19 nos hospitais da área sanitaria

Pontevedra
30 de maio 2021

Segue o descenso paulatino de casos activos de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este domingo 30 de maio hai 276, 14 menos que o sábado, a pesar de que se confirmaron no mesmo período oito positivos. Nos hospitais hai 14 pacientes, 4 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo

Punto de realización de probas PCR Mónica Patxot

Segue o descenso paulatino de casos activos de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este domingo 30 de maio hai 276, 14 menos que o sábado, a pesar de que se confirmaron no mesmo período oito positivos. 

Segundo o balance oficial do  Servizo  Galego de  Saúde, a noticia negativa do día chega desde os hospitais, onde este domingo hai dous pacientes máis que o sábado. En total, hai 14 casos fronte aos 12 do día anterior.

Non hai cambios na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, que mantén catro pacientes, pero si nas plantas de hospitalización, que pasan de oito a dez pacientes con covid-19. Deles, nove están ingresados en planta de hospitalización do  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 1 no Hospital  do Salnés. Este hospital vilagarcián volve ter pacientes despois de varios días libre de  covid.

Ademais dos 14 pacientes no hospital, hai 262 casos leves ou sen síntomas que evolucionan e  reciben seguimento no seu domicilio.

En total, rexistráronse oito novos positivos, pero o total de casos activos descendeu porque se deron 22 altas. En total, desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 13.801 pacientes. 

A área sanitaria suma 179 vítimas mortais da pandemia e ata o momento realizou 235.408 probas  PCR’ s, 451 delas nas últimas 24 horas.

EVOLUCIÓN EN GALICIA 

A nivel autonómico, o último balance da Consellería de  Sanidade indica que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.300, 50 menos que o sábado.

Do total de pacientes positivos, 117 están hospitalizados e 2.183 evolucionan nos seus domicilios. En canto á situación dos hospitais, 28 están en UCI e 89 en unidades de hospitalización.

Por áreas sanitarias, Vigo continúa como a que ten máis casos activos, 678, 22 menos que o sábado. Ademais, A Coruña ten 418, oito menos nunha xornada; en Lugo hai 244, dez máis; en Ourense son 178, 12 menos; en Pontevedra son 276, 14 menos; en Santiago baixan ata os 415, 12 menos; e en Ferrol hai 91, oito máis.   

Por agora, en Galicia hai un total de 122.057 persoas curadas, rexistráronse 2.417 falecementos e hai un total de 1.852.138 doses de vacina contra a covid-19 administradas.