Dous feridos nun grave accidente na avenida de Compostela

Pontevedra
10 de decembro 2024
Actualizado: 21:05

O sinistro consistiu nun choque frontal entre dous turismos sobre as seis da tarde deste martes. Unha persoa quedou atrapada dentro do vehículo e tivo que ser excarcerada

Accidente na avenida de Compostela Servizos de Emerxencias

Dúas persoas resultaron feridas nun grave accidente de tráfico rexistrado na tarde deste martes na avenida de Compostela, en Pontevedra. 

O sinistro consistiu nun choque frontal entre dous turismos no tramo desta avenida máis próximo á rotonda coa rúa Médico Ballina. É o quilómetro 117 da estrada N-550, un dos accesos a Pontevedra desde Santiago.

Como resultado do choque, dúas persoas resultaron feridas e unha delas quedou atrapada dentro do vehículo e tivo que ser excarcerada por efectivos dos Bombeiros de Pontevedra. 

Tiveron que liberar a esta persoa ferida do interior dun dos vehículos e axudar a outra persoa a saír.  Os dous foron trasladados posteriormente a centros hospitalarios. 

Segundo a información facilitada pola Policía Local, un vehículo entraba na cidade e, por causas que se descoñecen, desprazouse á dereira, chocando coa vionda. A causa da colisión, quedou atravesado no carril do outro sentido de circulación e, nese momento, un coche que circulaba de frente chocou contra el.

Ata o lugar do accidente trasladáronse efectivos da Policía Local e dos Bombeiros, así como o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil e voluntarios de Protección Civil de Pontevedra.

Os axentes municipais tiveron que regular o tráfico e cortaron a circulación nas dúas direccións durante máis de hora e media, mentres duraron as tarefas dos servizos de emerxencias no lugar. Ás 19.30 quedou aberto o tráfico.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 18.06 horas deste martes a través de varios particulares, que indicaron que un dos coches implicados parecía que estaba a empezar a arder.

Finalmente, confirmouse por fontes oficiais que non chegou a prender lume, senón que o turismo botaba fume como consecuencia do impacto.