Dous días de peñas deixan 23 toneladas de lixo nas rúas de Pontevedra

Pontevedra
15 de agosto 2016

O domingo xeráronse a metade de residuos que o sábado e tamén foi máis tranquilo para as forzas de seguridade e sanitarios. A Policía Local non tivo constancia de ningún incidente importante, á Parda acudiu un home ferido leve nunha agresión e a Montecelo chegaron un mozo agredido e outro por intoxicación etílica  

Un operario de limpeza retira o lixo xerado na noite de peñas do sábado

Os dous días de celebracións de peñas desta fin de semana, sábado e domingo, deixaron nas rúas de Pontevedra un total de 23 toneladas de lixo que tiveron que recoller os integrantes do operativo especial de limpeza posto en marcha pola empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos. 

A xornada de peñas do sábado foi a que congregou nas rúas de Pontevedra un maior número de persoas e, por tanto, a que xerou máis residuos. Os traballadores de Cespa recolleron entre a madrugada e primeira hora da mañá do domingo un total de 15 toneladas de lixo. 

O domingo a festa congregou a menos mozos e iso tamén se notou na cantidade de lixo xerado, de modo que este luns se recolleu practicamente a metade que o día anterior, oito toneladas, segundo os datos facilitados polo Concello de Pontevedra.

A xornada do domingo tamén foi moito máis tranquila para as forzas de seguridade e os servizos sanitarios. Segundo informou o Concello, a Policía Local non tivo constancia de ningún incidente importante mentres que fontes do Servizo Galego de Saúde indicaron que tampouco houbo moita actividade nos centros médicos. 

Así, ao centro de saúde da Parda acudiu un home de 42 anos ferido leve por mor dunha agresión e ao Hospital Montecelo acudiron un mozo de 22 anos tamén vítima dunha agresión e un de 28 que presentaba síntomas de intoxicación etílica por exceso de consumo de alcol.  

AmpArticleViewer.default.tags