Dous días de celebración para compartir o premio ONU-Hábitat cos pontevedreses

Pontevedra
25 de febreiro 2015

O Concello de Pontevedra está a organizar dous días de actos públicos para celebrar o premio cun acto máis formal o xoves 5 no Teatro Principal e un máis lúdico ao aire libre o venres 6 de marzo. O primeiro día estará presente a directora xeral de Tráfico e o segundo haberá actuacións musicais de grupos do municipio

Daniel Macenlle presentando o modelo urbano de Pontevedra en Dubái
Daniel Macenlle presentando o modelo urbano de Pontevedra en Dubái /

O Concello de Pontevedra quere compartir o Premio Internacional de Dubái que lle concedeu ONU-Hábitat con todos os pontevedreses e cos oito socios que o apoiaron para solicitar a concesión do galardón internacional e está a organizar dous días de actos públicos para celebralo. Serán o xoves 5 e o venres 6 de marzo.

O concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, explicou que o Concello aínda está cos preparativos de ambas as dúas celebracións, pero que xa se pode avanzar que o xoves 5 se celebrará un acto máis formal no Teatro Principal e o venres 6 se organizará unha cita máis lúdica ao aire libre.

No acto do Teatro Principal estará presente, case con toda seguridade, a directora xeral da Dirección Xeral de Tráfico, María Seguí. A falta da confirmación definitiva, espérase que pase todo o día en Pontevedra para cumprir co compromiso alcanzado en decembro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de que visitaría Pontevedra para coñecer o seu modelo de cidade.

"Se chegamos a estas cotas de calidade urbana é porque os cidadáns compartiron o modelo, defendérono e involucráronse"

Lores regresa este mércores do seu desprazamento a Dubái para recoller o premio. Unha vez que se incorpore á súa axenda habitual, enviará convites formais para o acto das 20.00 horas do 5 de marzo aos oito socios que avalaron a candidatura: Deputación de Pontevedra, Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Stop Accidentes, Fundación Meniños, ONCE, Cogami, Aempe ou Federación de Veciños Castelao.

O alcalde invitou a acudir a Dubái para a cerimonia de entrega do premio ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que declinou o convite, pero felicitou á cidade por este recoñecemento. Agora Mosquera sinala que no Goberno local estarían "encantados" de que acudise á celebración porque é "unha ocasión única" e "nunca entendemos isto como unha cousa localista", pero recoñece que a súa presenza "trastornaría" o protocolo do acto.

En relación co acto do venres día 6, aínda se descoñecen os detalles básicos, pero si se anunciou que implicará actuacións ao aire libre a cargo de grupos musicais de Pontevedra. Queren que sexa un acto masivo de todos os ponteveredreses porque " se chegamos a estas cotas de calidade urbana é porque vos cidadáns compartiron ou modelo, defendérono e involucráronse".