Dous detidos por roubar en dúas caravanas de feirantes das Festas da Peregrina gardadas nunha nave de Barro

Barro
24 de agosto 2023

A investigación comezou tras localizar a un individuo que circulaba nun patinete eléctrico na AP-9. Nun rexistro superficial localizaron unha gran cantidade de diñeiro e xoias e descubriuse que tiña un cómplice na estación de Pontevedra e que acababan de roubar en dúas caravanas que son vivenda habitual dunha familia de feirantes 

Obxectos roubados nos roubos das caravanas en Barro Guardia Civil de Pontevedra

A Garda Civil de Pontevedra detivo os presuntos autores de dous delitos de roubo con forza en dúas caravanas que eran a vivenda habitual dunha familia de feirantes que estivera nas Festas da Peregrina cando estaban estacionadas dentro dunha nave de Barro. 

Os dous roubos producíronse o pasado luns 21 de agosto e por eles foron detidos dous homes de 24 e 34 anos, ambos de nacionalidade colombiana, con residencia na Coruña.

Os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas de Reis, que decretou a súa posta en liberdade en calidade de investigados á espera de xuízo.

A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra abriu a investigación a través da identificación dun individuo que circulaba nun patinete eléctrico (VMP) na autoestrada AP-9.

Unha patrulla da Garda Civil do Equipo de Atestados do Subsector de Tráfico de Pontevedra identificárono e realizáronlle un rexistro superficial no que localizaron unha gran cantidade de diñeiro en billetes e moedas, así como xoias e outros obxectos.

O condutor do patinete explicou aos axentes que se dirixía á estación de autobuses de Pontevedra, onde quedara con outra persoa.

As policías Nacional e Local de Pontevedra localizaron na estación de autobuses de Pontevedra un segundo home, que tamén levaba unha gran cantidade de diñeiro, xoias e outros obxectos en interior dunha mochila.

Os investigadores descubriron que momentos antes se producira un roubo no interior de dúas caravanas que son vivenda habitual dunha familia de feirantes que montaran casetas nas pasadas Festas da Peregrina en Pontevedra.

Tras a localización dos seus propietarios, confirmaron sufrir un roubo e recoñecen a totalidade dos efectos que levaban encima os dous sospeitosos: 4.366,24 euros en efectivo, xoias, unha PlayStation con dous xogos, unha Nintendo Switch, un patinete eléctrico e dous bolsos de man de coñecidas marcas.