Dous deseñadores formados en Pontevedra triunfan na Fashion Week Madrid

Pontevedra
13 de abril 2021

Un ano máis a Fashion Week Madrid tivo un marcado protagonismo pontevedrés. Foi a través das coleccións que presentaron dous novos deseñadores formados nas aulas de Esdemga. Trátase de Sergio Villasante e, sobre todo, Gabriel Nogueiras

Gabriel Nogueiras (segundo pola esquerda), recibindo o seu premio na Fashion Week Madrid Ifema / Universidade de Vigo

Un ano máis a Fashion Week Madrid tivo un marcado protagonismo pontevedrés. Foi a través das coleccións que presentaron dous novos deseñadores formados nas aulas de Esdemga. Trátase de Sergio Villasante e, sobre todo, Gabriel Nogueiras.

Este último, que presentou o novo proxecto da súa firma Rubearth, Fat man, logrou ser elixido como o mellor creador das coleccións que concorrían á décimo quinta edición do Ego, a pasarela para os deseñadores emerxentes.

A súa colección, inspirada no lanzamento da bomba atómica sobre Xapón en 1945 e na idea do desastre nuclear, foi destacada polo xurado da pasarela, na que participaron oito deseñadores.

As cores, o estampado militar ou as siluetas que renovan prendas clásicas como as parkas ou os chalecos son algúns dos elementos que compoñen esta premiada colección, que aposta ademais pola reutilización de tecidos e outros materiais.

O xurado destacou que Gabriel Nogueiras posúe unha identidade e discurso propio "capaz de materializar o seu imaxinario nunha colección de gran coherencia estética" e celebraron, entre outras cuestións, o seu coidado polos detalles, a riqueza da súa proposta e a posta en escena.

No caso de Sergio Villasante, formado tamén no Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda que se imparte en Pontevedra, presentou unha colección ampliada do seu traballo Zebras in London? Why not?, que non puido exhibir na pasarela Debut pola covid-19.

A súa é unha colección masculina inspirada na época vitoriana na que o seu creador reflexiona sobre os efectos do colonialismo tanto na moda como na sociedade occidental, fusionando a moda masculina actual coa feminina da época e combinando tecidos, siluetas e estampados.