O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) puxo en marcha unha plataforma interdisciplinar para facer fronte ao despoboamento rural, poñendo as investigacións de dezaseis grupos científicos ao dispor de iniciativas emprendedoras.
Trátase da plataforma ALCINDER, un instrumento de transferencia do coñecemento científico á sociedade para desenvolver iniciativas de emprendemento baseadas no I+D+i, que busca contribuír a fixar poboación en áreas xeográficas castigadas polo abandono do rural.
Este grupo de traballo está coordinado por la doutora Carmen Martínez, responsable do Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia, e o investigador do seu equipo José Luis Santiago. Forman tamén parte da plataforma quince empresas e tres fundacións.
Estudos científicos previos, explica a doutora Martínez, permitiron demostrar a existencia dun gran patrimonio agrario "descoñecido e mesmo abandonado" en zonas rurais despoboadas e que teñen "posibilidades de valorización" mediante o desenvolvemento de explotacións agrarias e industrias sustentables de alto rendemento económico.
O obxectivo desta plataforma, sostén a investigadora, é "facilitar alternativas" para a creación de microindustrias rendibles que combinen tecnoloxía punteira, recursos naturais, agrícolas e gandeiros, a cultura, a paisaxe e o capital humano.
As liñas de investigación abarcan disciplinas tan diversas como Ciencias Agrarias, Veterinaria, Acuicultura, Informática, Telecomunicacións, Mecánica, Robótica, Química, Microbioloxía, Saúde, Farmacoloxía, Alimentación, Novos Materiais, Enerxías sustentables, Economía, Turismo, Historia, Arte, Demografía, Socioloxía, Ciencia Política, Urbanismo e Vivenda.
Nunha primeira fase, o ámbito de actuación da plataforma ALCINDER comprende Galicia, Castela e León e Asturias, coa intención de estender o proxecto ao resto do territorio da coñecida como "España baleirada", zonas cunha taxa de despoboamento moi elevado.