Dous barcos graneleiros protagonizaron dúas importantes operacións de descarga no porto de Marín. Trátase das descargas de cereal do Se Kelly, con 33.000 toneladas de trigo, e do Port Star, con 71.500 toneladas de millo.
Estes dous buques de transporte de graneis agroalimentarios están consignados polo Grupo Nogar, que compaxinou a operativa de descarga entre os peiraos Manuel Leirós e Comercial Oeste.
Segundo informa a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, ata o mes de xullo, as cifras de descarga de graneis sólidos no porto incrementáronse en case un 23% con respecto ao mesmo período do ano anterior.
Os cereais e pensos que chegan ao porto abastecen ás granxas avícolas e gandeiras de Galicia que, á súa vez, son fundamentais na subministración de carne, ovos e demais derivados aos mercados de consumo. E desde o porto, cada día sae vía ferroviaria polo menos un tren de cereais para a súa distribución.
Fontes portuarias remarcan que o dos graneis agroalimentarios é un dos principais tráficos no porto de Marín, para o que conta con operadores e maquinaria especializada e unha gran capacidade de almacenamento. Ademais, é un os tráficos que conta con certificación europea de calidade no porto.