Dous anos desde que unha lancha arroiou a Juan en Silgar, pendentes de xuízo: "É unha porta que non pechas"

Sanxenxo
15 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Juan Manuel Tábara, de 59 anos, foi golpeado por unha embarcación mentres nadaba na praia de Silgar e morreu no acto o 15 de abril de 2022. No día en que se cumpre o segundo aniversario do accidente, lembran a este coñecido oftalmólogo coruñés e ultiman a fundación que levará o seu nome para traballar na "prevención". 

Juan Manuel Tábara, nunha imaxe distribuída pola familia PontevedraViva

O 15 de abril de 2022, a vida da familia Tábara deu un envorco. Juan Manuel Tábara, de 59 anos, foi golpeado por unha embarcación mentres nadaba na praia de Silgar e morreu no acto. Desde entón, a súa familia loita para que se faga Xustiza coa súa morte "evitable" e para evitar que volva ocorrer. No día no que se cumpre o segundo aniversario do accidente, lembran a este coñecido oftalmólogo coruñés e ultiman a fundación que levará o seu nome para traballar na "prevención". 

A súa irmá, Belén Tábara, lémbrao neste día tan sinalado. "Hoxe estamos toda a familia unida para lembralo", explica a PontevedraViva. E recoñece que o seu duelo complícase ao non pecharse a investigación polo ocorrido. 

A Garda Civil detivo por homicidio imprudente ao patrón da embarcación porque circulaba por unha zona non autorizada e facíao a unha velocidade superior á permitida nesta zona e contexto, pero a investigación xudicial aínda non está terminada.

O Xulgado de Instrución número 3 de Cambados mantén aberta unha investigación sobre o ocorrido aquel 15 de abril na praia de Silgar, en Sanxenxo. Hai uns días, a familia soubo que acababan de prorrogar seis meses máis a instrución da causa.

A familia non está sorprendida por este novo aprazamento, pois "xa sabiamos que era lento e que ía para longo, era algo co que contabamos". Pero a situación si lles impide pechar capítulos no seu duelo. "É unha porta que non pechas", recoñece Belén. 

Mentres esperan a que o caso chegue a xuízo, a familia traballa na Fundación Juan Tábara, que busca a "prevención" do que ocorreu a Juan a través de zonas de baño seguras nas praias galegas. Nestes momentos, están "pendentes duns detalles legais" para poder empezar a traballar. 

Juan Tábara estaba aquel 15 de abril cun amigo cando, mentres nadaba en Silgar, o golpeou unha embarcación de competición que circulaba a toda velocidade e morreu no acto. A familia busca "manter as medidas" actuais que regulan a seguridade nas praias e zonas de baño e "melloralas"

"Con que se respecten as normas que hai, xa sería importante", sinalan, e engaden que, respectando as normas, que obrigan a delimitar as zonas de baño en todas as praias de Galicia, o accidente e morte do seu irmán non se produciu. Queren que a súa morte non sexa en balde e, para iso, buscan "que se melloren na medida do posible" 

A normativa establece que a zona de baño, se non está sinalizada con balizas, se sitúe ata os 200 metros. Juan Tábara foi golpeado por unha embarcación cando se atopaba nadando a 188 metros da costa. A familia sostén que se existisen normas que obrigasen aos concellos ao balizamento das praias urbanas e de máis afluencia durante os meses de primavera e verán, así como a presenza nas mesmas de socorristas, isto non ocorrería. O Concello de Sanxenxo adoita balizar as súas praias durante o verán, pero cando ocorreu este atropelo, en Semana Santa, a zona de baño non estaba sinalizada. 

Insisten, ademais, en que o uso de lanchas vai ir a máis e "hai que facer cambios" para garantir a seguridade.