Domínguez propón un estudo de modificación do Peprica e multas ás pintadas para reactivar o centro histórico

Pontevedra
02 de xuño 2022

Entre outras medidas, o portavoz municipal do PP explicou que é necesario incentivar á rehabilitación de vivendas para uso familiar; mellora do calbeado, aceleración das licenzas municipais; incremento da seguridade; eliminación dos contedores de lixo e dinamización do mercado municipal

Rúa Real no centro histórico de Pontevedra Diana Eiras

Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular, anunciaba este xoves que presentará unha moción no próximo pleno municipal para reactivar o centro histórico da cidade. Cualificou de "propositiva" esta moción coa idea de fomentar esta zona en eixo fundamental do municipio aproveitando as sinerxias que lle permite atoparse integrado dentro do Camiño de Santiago.

Entre as propostas, o representante popular destaca a elaboración dun estudo para modificar o Peprica (Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística) ao entender, tras conversas con "promotores, veciños e arquitectos", que quedou "obsoleto" sendo moi restritivo para realizar obras no centro histórico. "Coñezo moitas obras que estarían perfectamente integradas e que, pola interpretación estrita dun artigo do Peprica, quedaron sen facer", expuxo para pedir unha modificación que manteña os estándares do patrimonio pero que permita as obras.

Tamén quere que as familias vivan nesta zona da cidade e non só acudan "a consumir". Para fomentar esta integración propón axudas municipais á rehabilitación de vivendas por cantidades de ata 12.000 euros ou un 25% do valor da reforma. Tamén demanda unha actuación nas instalacións de cableado que permitan ofrecer unha mellora estética. 

En canto ás licenzas municipais, Rafa Domínguez pedirá un reforzo de persoal para o estudo das licenzas do centro histórico porque entende, segundo as demandas veciñais, que debido á súa lexislación especial "atrásanse máis tempo".

En especial, o presidente local do PP quixo facer referencia á eliminación e prohibición de grafitis na zona vella. "Hai que loitar contra iso", manifestou. Por este motivo apuntou a un incremento das multas municipais que chegarían ata os 3.000 euros en casos moi graves e de ata 1.500 euros en casos menores, sempre coa  oblicación de repoñer ao seu estado orixinal o ben danado. Entende que esta medida debe sumarse ás sancións recollidas na lei do patrimonio cultural de Galicia con multas de ata 150.000 euros por estas mesmas accións.

Precisamente, para evitar as pintadas manexa a idea de poñer en marcha espazos legais para realizar grafitis de maneira segura e tamén a implantación de programas en centros de estudo para que os escolares comproben o dano que causan as pintadas e o traballo que conleva a súa limpeza.

Neste sentido, Domínguez presentará na moción a creación dunha unidade de limpeza municipal que elimine esas pintadas como, segundo explico, xa existe noutras cidades con actuacións nas primeiras 48 horas tras a aparición do grafiti. Tamén avoga por un  iincremento da seguridade cun reforzo da policía. Mesmo sinalou que "non nos opoñemos a estudar o que está a empezar a facerse noutros concellos como é a utilización de cámaras municipais de vixilancia".

Tamén se mostrou a favor da desaparición dos contedores e manifestouse favorable á recollida da lixo porta a porta; e demandou a dinamización do Mercado municipal sinalando que "o piso alto está nunha situación de gravidade ou de extrema gravidade. Non está a funcionar", argumentou alegando que debe converterse nun eixo fundamental para a dinamización desta contorna. Ademais pide a retirada de cabinas de teléfono, mellor  rotulación das rúas e identificación de sitios de interese en liña.

ACCESO A SANTA CLARA

Rafa Domínguez tamén expresou a súa desconformidade á idea manifestada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de crear un paso subterráneo que conecte Barcelos co recinto de Santa Clara. "A idea dun paso subterráneo non me gusta", recoñeceu ao ser preguntado indicando que este tipo de estruturas como "un acceso escuro, subterráneo" en parques e xardíns "nunca funcionan ben". "Eu quero a incorporación clara dos xardíns a todos os pontevedreses. O ideal sería incorporalos a Barcelos da forma máis evidente", admitiu.

En todo caso sinalou que espera que o goberno local presente un proxecto para saber que intencións manexan para este espazo. "Levan un ano e medio falando de Santa Clara e aínda non saben o que van facer", apuntou, á vez que mostraba a súa estrañeza pola firma dun convenio coa Deputación para unir os edificios do Museo co antigo convento cando aínda se descoñece o proxecto previsto.