Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, demandou este xoves á Consellería de Sanidade a implantación dun equipo con PET-TAC no novo edificio do Hospital Montecelo, un sistema que permitiría completar o círculo oncolóxico na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, segundo manifestou o representante do PP.
Este sistema avanzado de medicina nuclear consiste nun TAC especial que realiza unha tomografía por emisión de positrones ou diagnostico por imaxes PET, que permite detectar células tumorales en calquera órgano do corpo a través dunha proba e, ademais, axuda a realizar un correcto control evolutivo do cancro.
Domínguez explicou que é unha petición que recolleu de profesionais médicos de Montecelo. O representante popular indicou que o Sergas estableceu este equipo na Coruña, Santiago e Vigo, pero ademais tamén ten prevista a súa instalación nos hospitais de Lugo e Ourense con investimentos superiores a un millón de euros. "A utilización desta tecnoloxía está a crecer de forma exponencial e espérase que nos próximos anos sexa de uso cada vez máis frecuente", explicou.
A instalación deste equipo en Pontevedra evitaría que pacientes que se atopan en estado precario de saúde véxanse obrigados a trasladarse a outras localidades como Vigo ou Santiago. "Debemos pensar nun hospital ao grande", afirmou Domínguez ao defender esta demanda á Xunta de Galicia, que polo momento non contempla a montaxe desta ferramenta sanitaria no Gran Montecelo onde se poderán diagnosticar enfermidades oncolóxicas, operar, realizar tratamentos de quimioterapia e de radioterapia, pero sen pechar o círculo oncolóxico, circunstancia que si permitiría este sistema, manifestaba Domínguez.
"O meu labor é facer a vida dos pontevedreses máis fácil e a do conselleiro de Sanidade un pouquiño máis difícil", alegou para explicar que informara ao conselleiro Julio García Comesaña desta petición para que se abra un debate.
OUTRAS DEMANDAS Á CONSELLERÍA DE SANIDADE
A continuación, realizou outras reclamacións á Consellería de Sanidade. Domínguez pide que se aclare o futuro uso que a Xunta dará ás instalacións do Hospital Provincial e do Centro da Casa do Mar de Mollavao.
Ao mesmo tempo, para o novo edificio de Montecelo reclama a creación de aparcamentos gratuítos en superficie, nun número similar ao que hai na actualidade na contorna do hospital. Reclamou que, en caso de facer #aparcamento de xestión privada, debe ofrecer prezos alcanzables e boas condicións tanto para profesionais como para usuarios recorrentes que precisen acudir con frecuencia ao centro hospitalario.
Rafa Domínguez tamén quixo trasladar o seu apoio e agradecemento aos profesionais do Sergas que, segundo indicou, atravesan "momentos de enorme dificultade" e lembrou que o novo edificio estará operativo en 2024 cun investimento próximo aos 170 millóns de euros entre a construción do inmoble e a tecnoloxía necesaria para a asistencia sanitaria.