Domínguez esixe medidas ao alcalde para "defender e protexer aos cidadáns" ante a escalada dos problemas de convivencia

Pontevedra
02 de setembro 2024

O PP insiste na importancia de reforzar os servizos sociais municipais, con máis orzamento e recursos humanos, e a necesidade de dotar á Policía Local dos medios persoais e técnicos para velar pola seguridade dos pontevedreses

Persoas que pasan os días baixo os soportais da Praza da Estrela Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, volveu a esixir ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores "que tome medidas para defender e protexer aos veciños" da rúa Augusto García Sánchez e do centro urbano dos problemas que causan algunhas persoas drogodependentes.

O líder da oposición recriminou ao rexedor nacionalista que, desde que en marzo de 2023 debateuse unha moción do PP para implantar unha serie de melloras en Campolongo, o goberno municipal non fixese "absolutamente nada" para reducir o trapicheo de drogas, os furtos, as agresións ou outros comportamentos incívicos que alteran a vida diaria dun barrio "cada vez máis degradado".

Domínguez insiste na necesidade de dotar á Policía Local dos medios persoais e técnicos para velar pola seguridade dos pontevedreses e, doutra banda, "reforzar os servizos sociais municipais destinando máis orzamento e recursos humanos" para abordar esta problemática desde a atención directa das persoas sen fogar que se atopan, en moitos casos, baixo os efectos do alcol e as drogas.

Durante o pasado mes de abril, o PP chegou a instalar unha mesa informativa na Praza da Peregrina para recoller firmas e enviar unha mensaxe de unidade ao goberno local para que tomase medidas coa orde de reducir os altercados entre indixentes e veciños, ademais de evitar máis problemas de convivencia que prexudican ao sector comercial do centro histórico.

"O alcalde preferiu facer oídos xordos despois de que o Pleno aprobase o reforzo da presenza policial a pé. A situación, lonxe de mellorar, empeorou nas últimas datas, mesmo con agresións sexuais a mulleres por parte de homes indixentes que agudiza a imaxe en decadencia da cidade", declarou Domínguez.

A Xunta Local de Seguridade, convocada por urxencia en marzo, "demostrou ser un novo fracaso de Lores porque, desde esa fotografía en prensa, non fixo absolutamente nada por recuperar o benestar dos seus veciños", recriminou Rafa Domínguez antes de lembrar que "hai dúas semanas convocouse outra Xunta Local de Seguridade sen incluír este asunto na orde do día".

Domínguez insistiu en que o alcalde é o "máximo responsable" porque ten o "deber de velar pola seguridade dos seus veciños e que está na súa man reforzar os servizos sociais e a Policía Local, antes de que suceda un desgusto maiúsculo".