Domínguez esixe ao Concello de Pontevedra que "presione sen descanso" para que o Goberno central conclúa o paseo a Marín

Pontevedra
06 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O portavoz municipal do Partido Popular lembra que, no pacto de investidura de Pedro Sánchez, o PSOE comprometeuse a "buscar solucións para terminar o segundo tramo" entre os 22 acordos asinados para que o BNG votase a favor do candidato socialista. Rafa Domínguez afirma que "non finalizar o paseo peonil entre Pontevedra e Marín é unha vergoña do BNG e PSOE"

Tramo do novo paseo marítimo entre Pontevedra e Marín
Tramo do novo paseo marítimo entre Pontevedra e Marín / PontevedraViva - Arquivo
Reclamación do Partido Popular para que se execute o tramo final do paseo peonil a Marín /

Nas últimas horas, a alcaldesa de Marín María Ramallo trasladaba publicamente a intención de realizar unha fronte común co Concello de Pontevedra para presionar ao Goberno central co obxectivo de que finalice o paseo peonil entre os dous municipios, despois da oposición de Costas a continuar co seu trazado ata Os Praceres como estaba inicialmente previsto.

Este sábado, Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, arremetía de maneira dura contra o BNG e o PSOE sinalando que "é unha tomadura de pelo que non se ruboricen despois de que o Goberno decidira non finalizar o paseo peonil entre a cidade e Marín".

Neste sentido, lembra que os nacionalistas e socialistas incluíron esta obra no pacto de investidura para que o BNG votase a favor de Pedro Sánchez, onde se indicaba que "se buscarán solucións para terminar o segundo tramo do paseo de Marín desde Pontevedra" entre os 22 acordos asinados.

"Por que non din a verdade e recoñecen que foi un engano máis para xustificar o seu voto?", pregunta Domínguez, quen esixe ao Concello de Pontevedra que "exerza a súa responsabilidade" e "presione sen descanso ata que se termine o paseo peonil".

Acusa o goberno nacionalista de ser "cómplice" de que o goberno español "metera o proxecto nun caixón".

Lamenta, ademais, que o PSOE local "volva mostrar a súa evidente falta de rumbo" ao criticar a paralización do proxecto ao que o seu propio partido se comprometera meses atrás. 

"É inaceptable que non se termine o paseo peonil a Marín e é inaceptable e inaudito que prometeran 25 millóns de euros para a estratexia ‘Pontevedra Flúe’, por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, e que nada se saiba sobre o suposto investimento", sinala Domínguez, quen considera que Pedro Sánchez "ten abandonada Pontevedra" ao entender que non executou ningún proxecto importante para a cidade.