Marín ofrece a Pontevedra "facer forza" xuntos para esixir que se complete o paseo entre ambas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A decisión de Costas de non completar o paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín caeu neste último municipio "como un xerro de auga fría". Así o asegurou a súa alcaldesa, María Ramallo, que ofrece ao seu homólogo de Pontevedra, facer causa común.
"Alguén nos terá que explicar algo máis e sobre todo alguén terá que ser o responsable desta decisión", sostivo Ramallo, que se dirixirá ao goberno municipal de Pontevedra para que ambas as administracións poidan "facer forza e esixir que o que ía ser, sexa".
Tras lembrar que "a unión fai a forza", a alcaldesa de Marín avanzou que tenderá a man ao Concello de Pontevedra para que lidere esta reclamación, ao entender que esta actuación "non debe deixarse morrer".
A rexedora sostén que creo unha obra "presentada, orzada, adxudicada, logo resolta, volta a prometer, con prazos, orzamento, incluída nos orzamentos xerais do Estado e que agora vemos evaporada", require máis explicación por parte do Goberno e que se reverta dita decisión.
María Ramallo reitera que as administracións deben traballar para que a mobilidade, a sustentabilidade e os itinerarios peonís "sexan unha realidade", lembrando que "hai fondos públicos para iso" e así o están recollendo os municipios nos seus documentos estratéxicos.