O documental de RTVE baseado na análise de ADN mantén a incógnita sobre a orixe de Colón

Pontevedra
13 de outubro 2024
Actualizado: 13:23

A teoría galega, defendida por Eduardo Esteban, que sitúa a orixe de Colón no municipio pontevedrés de Poio, foi unha das hipóteses analizadas no documental televisivo

Traballos para buscar ADN de familiares de Colón en Poio Mónica Patxot

Este sábado 12 de outubro, Día da Hispanidade, Televisión Española (RTVE) emitía o documental 'Colón ADN. A súa verdadeira orixe', creando unha elevada expectación ao anunciar que se ía desvelar o lugar de nacemento de Cristóbal Colón.

O documental baséase nunha investigación de máis de vinte anos liderada polo doutor José Antonio Lorente da Universidade de Granada.

O programa, baixo unha trama narrativa de espectáculo de suspense, presentábase como unha proposta para esclarecer a verdadeira orixe de Cristóbal Colón e determinar se os seus restos mortais atópanse na Catedral de Sevilla.

A teoría galega, que sitúa a orixe de Colón no municipio pontevedrés de Poio, foi unha das hipóteses analizadas no documental.

Eduardo Esteban, presidente da Asociación Colón Galego, defendeu esta teoría baseándose na presenza do apelido Colón na zona e en similitudes toponímicas entre as Rías Baixas e lugares nomeados por Colón en América.

Non obstante, o documental reflicte que as probas de ADN realizadas na Igrexa de San Martiño de Sobrán en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) descartaron a relación entre Colón e a familia Sotomayor.

Ademais, as mostras obtidas na Igrexa de San Salvador de Poio resultaron demasiado degradadas para obter resultados concluíntes.

A investigación do doutor Lorente concluíu que Colón era de orixe xudía sefardí, probablemente procedente da costa mediterránea da Península Ibérica, posiblemente de Valencia.

En todo caso, a teoría tampouco foi avalada cientificamente de forma definitiva. Entre outras razóns, estas conclusións non figuran nunha publicación científica que as avalen.

O documental tamén revelou que Diego Colón, ao que se consideraba irmán do almirante, era en realidade un familiar afastado en quinto ou sexto grao.

A pesar dos novos achados, a orixe exacta de Cristóbal Colón seguirá sendo obxecto de debate e controversia entre historiadores e científicos.