Doce alumnos de mellora forestal do Centro de A Ran inician as prácticas en empresas da contorna

Umia
31 de marzo 2022

As expectativas de inserción laboral son altas debido á forte demanda de persoal cualificado

Traballos de mellora forestal Concello de Cuntis

Os doce alumnos que cursan competencias en materia forestal no Centro de Formación Ocupacional de A Ran comezarán nos vindeiros días o seu periodo de prácticas. Fano nun momento en que as empresas da contorna rexistran unha alta demanda de man de obra capacitada e por tanto cunhas boas expectativas de inserción laboral.

O curso, que comezou o 1 de febreiro e rematará o 29 de abril, forma a 12 alumnos, 8 varóns e 4 mulleres, en tarefas vencelladas ao coidado de montes e fincas, como auxiliares en conservación e mellora da masa forestal como a poda, o desbroce e os tratamentos fitosanitarios.

Esta formación, enmarcada na programación AFD da Xunta, impártese de forma presencial no centro de formación ocupacional do polígono cuntiense.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, anima ás persoas desempregadas a aproveitar a oferta formativa do Centro de Formación Ocupacional de A Ran, xa que iniciativas como esta son "unha oportunidade para que a veciñanza poida mellorar a súa inserción laboral".

O goberno local defende a importancia de ter na comarca un centro como o de A Ran, "un servizo esencial para os veciños e unha aposta constante para a formación e o traballo".