A Asociación BIGA (Biodiversidade en Galicia) vén de doar máis de 500 exemplares de grilos preparados, estendidos e agrupados por especie ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, duplicando o número de especies coñecidas en Galicia.
Ata agora só tiñan constancia de oito especies, pero o número elevouse a 14, facendo desta colección unha das mellores e máis completas deste grupo na nosa comunidade xa que o número de exemplares en coleccións de institucións oficiais é máis reducida ou reúne unha pequena parte de todas as especies coñecidas.
Os grilos teñen unha gran importancia agrícola porque algunhas especies son boas bioindicadoras medioambientais e as súas poboacións revelan unha boa conservación do medio. E, en xeral, os artrópodos teñen un innegable interese forestal, xa que poden actuar como favorecedores do desenvolvemento das masas forestais.
Neste momento, o CIF de Lourizán dispón de máis de 85.000 pregos de plantas vasculares, 25.000 de fungos e máis de 8.000 de insectos de diferentes ordes (coleópteros, lepidópteros, neurópteros, etc.).
Así, este material enriquece as coleccións existentes de flora vascular (cedida polos investigadores Merino, Gómez Vigide, García Martínez, BIGA e recoleccións propias), de material micolóxico (de Fernández de Ana Magán, Freire, Castro Cerceda) e das coleccións de coleópteros (Scolytinae) da doutora María Josefa Lombardero; así como outros exemplares de diversas familias aportados por investigadores do CIF de Lourizán e membros da Asociación Biga.