O traballo realizado polo ilustrador Kiko da Silva para a campaña do Entroido de Pontevedra 2020 e a poxa da ilustración orixinal do cartaz acaban de repercutir directamente na investigación contra o cancro. O tamén director de O Garaxe Hermético doou os 4.922 euros recadadas con ese proxecto ao grupo de Xenes e Enfermidade do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela.
A doazón formalizouse este mércores cun pequeno acto na sede do Garaxe Hermético, Escola Profesional de Banda Deseñada de Pontevedra, no que o director do grupo de investigación, José Manuel Castro Tubío, avanzou que estes case 5.000 euros "van ser moi ben empregados", van estar destinados a "abrir unha nova liña de investigación e facer unhas pequenas probas para ver se funciona e, no caso de funcione, pode ser bastante interesante de cara ao futuro".
Kiko da Silva xa decidira doar os cartos do proxecto do Entroido pontevedrés, que xiraba arredor da figura de Ravachol, á investigación contra o cancro e, cando chegou a pandemia, non quixo cambiar de idea e doalos á investigación da covid-19 porque considera que "o cancro é un dos retos do século XXI" e que a actual pandemia "aínda complicou moito máis a labor de investigación desta enfermidade".
O ilustrador pontevedrés quixo manter o seu apoio a esta investigación convencido de que a covid-19 está captando toda a atención mediática e científica, así como a da opinión pública, e "estamos deixando un pouco de lado enfermidades que levan moito máis tempo e moitas mortes".
"Estou seguro que a investigación do cancro non debería de parar e que este esforzo que as institucións públicas e a sociedade están poñendo para saír da problemática causada pola covid tiñamos que polos tamén despois no resto de enfermidades", manifestou Kiko da Silva, que cre que "é o momento de sacar algo en positivo de toda esta situación e de apostar pola ciencia e polos científicos, que non teñan que marchar fóra, que poidan investigar aquí".
A Da Silva parecíalle necesario "dar este toque de atención" e Castro Tubío agradeceuno, e manifestou o seu desexo de que "ogallá moitos outros sigan o exemplo" porque para as persoas que se adican á investigación "cada vez nos resulta máis complicado poder facer o noso traballo" e facer unha investigación que poida competir con grupos doutros países que teñen moitos máis recursos.
No caso do seu grupo de investigación, a pandemia cambiou a perspectiva que tiñan para este ano, que era bastante boa a nivel de financiamento, e finalmente todo o acontecido "secou parte dos recursos" que agardaban. Por iso é polo que se mostra agradecido da doazón de Kiko da Silva e quixo trasladar á cidadanía que este tipo de accións son "moi necesarias" e pequenos grans de area que "axudan cada día moitísimo".
Nos primeiros meses da pandemia tamén o seu grupo de investigación desviou recursos a investigar as cepas do novo virus, de maneira que deixaron de lado certas liñas de investigación contra o cancro, pero, segundo explicou, agora xa están ao 100% na súa tarefa habitual e esta nova achega de 4.922 euros son unha nova "estupenda" de cara a planificar o novo ano.
O grupo de investigación encabezado polo doutor Castro Tubío realizou importantes avances ao descubrir que as primeiras mutacións que orixinan o cancro poden xurdir décadas antes de ser localizadas, un achado que abre a opción de que se poidan adoptar medidas preventivas se se continúa investigando nesta liña.