Dixitalizan e catalogan case mil imaxes da Xefatura Provincial do Movemento para "pór cara á cúpula franquista"

Pontevedra
23 de outubro 2021

María Ortega, deputada de Memoria Histórica, con representantes do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do Arquivo Provincial presentaban os traballos realizados cos fondos fotográficos do período entre 1951 e 1959, recuperados polo arquiveiro Miguel Pereira en 2003. Estes fondos estarán a disposición da cidadanía para a investigación sobre a Memoria Histórica

A deputada María Ortega co persoal do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación Mónica Patxot

971 imaxes da Xefatura Provincial do Movemento poderanse observar a través do buscador Atopo da Deputación de Pontevedra para analizar o período franquista entre os anos 1951 e 1959 en practicamente todos os municipios da provincia.

Este venres, María Ortega, deputada da Memoria Histórica, presentaba esta catalogación e dixitalización documental con José Luis Castro Carpinteiro, José María Cumbraos e Ana Vicente, responsables do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do Arquivo Provincial; e con Montse Fajardo, técnica do departamento de Memoria Histórica.

"É un novo paso parra poñer luz sobre a nosa memoria", admitiu María Ortega durante esta presentación das imaxes que mostran a presenza da simboloxía franquista e o  adoctrinamiento da poboación mesmo en pequenos actos sociais coa inauguración de lavadoiros. Con esta documentación, explicou a deputada, respóndese á demanda das asociacións que traballan na Memoria Histórica e que sempre atopaban dificultades para acceder a este tipo de material gráfico. "É trascendental dar a coñecer e pór cara a personaxes da cúpula do réxime franquista, para non só falar das vítimas senón do goberno represor durante tantos anos", afirmou Ortega.

Esta documentación foi recuperada no ano 2003 por Miguel Pereira Figueroa, entón xefe do Arquivo Provincial. José Luis Castro e Ana Vicente destacaban a valentía deste funcionario  "que tivo que loitar contra moitas vicisitudes para ir ata onde estaba depositada esta documentación" para lograr salvala e evitar a súa inmediata destrución. Este material, recollido en 22 álbums, atópase ao dispor de toda a cidadanía interesada. Desde este venres, a Deputación poñerase en contacto con asociacións e colectivos para trasladarlles a información sobre a ligazón para que consulten as fotos e acheguen datos que poidan resultar de interese sobre eses documentos.

O Movemento era o conxunto de órganos do réxime franquista (a Falanxe como partido político único, a organización sindical vertical e os múltiples órganos de encadramento social – a Fronte de Xuventudes, Educación e Descanso, a Obra Sindical do Fogar, Auxilio Social e outros órganos similares). Este sistema estaba encabezado provincialmente polo gobernador civil, que asumía en cada territorio a súa dirección.

Entre as imaxes recollidas atópanse desde actos internos do Movemento, fotos de actos de louvanza do réxime franquista como a conmemoración en honra dos caídos, da fin da guerra civil ou a fundación das Falanxes galegas; fotografías que reflicten aspectos sociais relacionados coa beneficiencia e o auxilio social; e tamén imaxes de visitas do gobernador civil por distintos puntos da provincia.

Esta acción trátase dun primeiro paso porque se está traballando desde o departamento en catalogar os recortes de prensa da época. "Cada acto era unha loa ao réxime con simboloxía franquista" afirmaba Montse Fajardo destacando o aparato e as imaxes dos brazos no alto que se reflicten nestas fotografías e que, entre outros eventos, recollen tamén os inicios da construción da fábrica de Celulosas en Pontevedra, sinalou a técnica provincial. "Temos autoridades franquistas dos anos 50 que serán importantes para documentar informes sobre memoria histórica", apuntou.