A dixitalización dos quirófanos de Montecelo mellorará a seguridade dos pacientes, segundo o conselleiro de Sanidade

Pontevedra
09 de novembro 2024

Antonio Gómez Caamaño fixo esta afirmación no acto de inauguración da reunión anual da Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Terapia da Dor (AGARYD) en Pontevedra

Reunión anual da Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Terapia da Dor Consellería de Sanidade

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou este venres en Pontevedra que a dixitalización dos quirófanos do Hospital Montecelo será unha das iniciativas clave para "mellorar a calidade asistencial, a seguridade dos pacientes e a eficiencia operativa"

O titular de Sanidade fixo esta afirmación no acto de inauguración da reunión anual da Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Terapia da Dor (AGARYD). 

Xusto esta semana, Gómez Caamaño anunciou no Parlamento de Galicia que o Novo Hospital Público de Montecelo será o primeiro do Servizo Galego de Saúde que contará con todos os quirófanos dixitalizados.  

Durante este acto, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, amosouse "orgulloso" desta situación. 

Este novo equipamento permitirá optimizar a programación das cirurxías, reducindo tempos de espera e maximizando o uso dos recursos.

O conselleiro tamén incidiu no respecto ao medio ambiente que está a promover o Sergas a través da súa Estratexia de Economía Circular. 

Avanzou que o obxectivo é reducir máis de 46.500 toneladas anuais de CO2 para 2030 e alcanzar as cero emisións no 2040.

Neste foro en Pontevedra, destacou que unha das medidas que están a adoptar é a redución das emisións de gases que provoca o sistema de anestesia das intervencións cirúrxicas.

Congreso Sociedade Galega de Pediatria en PontevedraXunta de Galicia

CONGRESO DE PEDIATRÍA

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, tamén inauguraba este venres no Pazo da Cultura de Pontevedra o 74º Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia, destacando o liderado da comunidade na protección da saúde infantil.

Subliñou o completo calendario vacinal galego, que incorporará a vacina intranasal para nenos de 2 a 5 anos, buscando aumentar a participación.

Ata agora, máis do 40% dos menores de 5 anos vacináronse contra a gripe, e a campaña continúa ata o 31 de decembro, explicou.

A inmunización contra o virus respiratorio sincitial (VRS) tamén acadou un alto éxito, con máis de 7.260 bebés inmunizados, representando case o 90% dos nados nesta campaña.

Ademais, Gómez Caamaño asegurou que Galicia ofrece o cribado neonatal máis completo do Sistema Nacional de Saúde, detectando actualmente 34 patoloxías conxénitas primarias e 14 secundarias, e planea incluír 3 novas enfermidades este ano.