Distincións ao Grupo Froiz e a Pilar Leiro nunha Feira da Cebola baixo teito

Sanxenxo
04 de setembro 2022

As previsións de chuvia provocaron que a XL edición da Feira da Cebola se trasladara ao parking de Nauta coa instalación de 48 postos de venda de produtos da horta de Sanxenxo. José Froiz, en representación do Grupo Froiz, e Pilar Leiro, veciña de 93 anos, recibiron as distincións de mans do alcalde Telmo Martín e da concelleira de Cultura, Paz Lago

Feira da Cebola 2022 Concello de Sanxenxo

Por primeira vez na súa historia a Feira da Cebola celebrábase no aparcadoiro de Nauta. Alí déronse cita, ante a previsión de choiva, centos de persoas para gozar dun evento que cumpre corenta anos. 

Baixo teito instaláronse 48 postos con produtos de hortas de Sanxenxo, que se mostraban ao longo do aparcamento público coa cebola como elemento protagonista desta cita tradicional. 

Nesta ocasión, o alcalde Telmo Martín e a concelleira de Cultura, Paz Lago, recibían aos premiados desta edición coa Cebola de Ouro, a veciña de 93 anos Pilar Leiro e José Froiz, en representación do Grupo Froiz. Despois partían en comitiva cos integrantes da Corporación ata o lugar de celebración da feira.

En Nauta, percorrían os postos felicitando aos participantes e entregábanse os distintivos. José Froiz, emocionado polo recoñecemento eloxiou o traballo do grupo humano que forma Froiz lembrando as palabras do seu pai, Magín,falecido en marzo deste ano. "O meu pai ensinóunolo todo, era moi perfeccionista, pero dábanos a oportunidade de equivocarnos para que puidésemos aprender", explicou ao público asistente. A empresa de supermercados conta con máis dun centenar de establecementos en España e Portugal, ademais de 6.000 persoas que traballan directamente para esta entidade nada en Pontevedra.

Pola súa banda, Pilar Leiro, proposta polos seus veciños, agradecía o agarimo recibido afirmando que "isto é ou mellor que me puido pasar. De aquí ao ceo", afirmou. A continuación, Telmo Martín destacaba que os premiados este ano ofrecen valores como o compromiso, a dedicación á familia e unha gran capacidade de traballo.

Gañadores do concurso da Feira da Cebola

  • - Accésit para a ristra máis longa (50 euros) para Sara Martínez Dos Reis. 2,10 metros
  • - Terceiro premio para a ristra máis longa (100 euros) para Herminda Rita Pombo. 2,31 metros
  • - Segundo Premio para a ristra máis longa (150 euros) para Yudite Dos Reis. (97,8 metros)
  • -  Primeiro Premio para a ristra máis longa para Feliciano Pombo Padín. (112,25 metros)
  • - Accésit para as cabollas máis grandes (50 euros) para Isabel Alvariñas (1,084 quilos) e Sonia Salgueiro (736 gramos)
  • - Primeiro premio Cebola máis grande para María Angustias Pintos (1,368 quilos)
  • - Terceiro premio composición artística para María José Castro
  • - Segundo premio composición artística para Ángeles Cacabelos
  • - Primeiro premio composición artística para Encarnación Cacabelos